Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO REPRESÉNTASE NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO DO 2O DE OUTUBRO AO 19 DE NOVEMBRO

O CDG estrea 'O regreso ao deserto' de Koltès, dirixido por Cristina Domínguez

[18/10/2006] O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura o vindeiro venres a súa nova temporada teatral coa estrea, ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago, do espectáculo O regreso ao deserto, primeira versión en galego desta obra do dramaturgo francés Bernard-Marie Koltès. A directora da compañía adscrita ao IGAEM da Consellería de Cultura e Deporte, Cristina Domínguez, púxose á fronte desta montaxe que permanecerá en Compostela até o 19 de novembro e será representada noutras oito localidades galegas até finais de xaneiro de 2007.

CDG: O regreso ao deserto

Celso Parada e Luísa Merelas encabezan o elenco de 14 actrices e actores (Toni Salgado, Rocío González, Alberto Rolán, Ursia Gago, Josefa Barreiro, Pilar Pereira, Manuel Areoso, Robert Matthews, Mohamed Azibou, César Goldi, Alfredo Rodríguez e Vicente Montoto) desta produción, na que nomes consagrados comparten cartel con novos valores da escena galega.

A montaxe de O regreso ao deserto, a partir da tradución realizada por Fernando Moreiras, supón a incorporación ao repertorio escénico en galego da derradeira obra estreada en vida por Koltès (Metz, 1948-París, 1989). Considerado como unha das máis salientables figuras da dramaturxia europea contemporánea, os seus textos obtiveron axiña un amplo recoñecemento tanto en Francia como noutros países, converténdose nun dos autores máis representados en toda Europa.

FRANCIA, 1960

As pezas de Bernard-Marie Koltès propoñen unha volta a principios dramáticos pouco frecuentados polos seus coetáneos, como a loita entre contrarios, tal e como sucede na obra que sube agora aos escenarios galegos da man do CDG. Escrita en 1988, O regreso ao deserto constata o deterioro das relacións Norte-Sur, así como os profundos cambios sociais derivados da inmigración, a través do conflito que o autor sitúa nun contorno pechado –unha familia dunha vila francesa de provincias nos primeiros anos sesenta–, no que se deixa notar a presenza inquietante e difusa da guerra de Alxeria.

O espectáculo dá comezo cando, tras quince anos de exilio nese país africano, Mathilde (Luísa Merelas) regresa cos seus dous fillos á casa que herdara do seu pai, pero da que se apropiou o seu irmán Adrien (Celso Parada). Fuxindo da guerra, a protagonista volta con intención de vingarse da súa familia e da sociedade burguesa que a rodea por un pasado de agravios e inxustizas. Así, con ela, o enfrontamento instálase tamén no ámbito familiar: o matriarcado contra o patriarcado, o Sur contra o Norte, os nómades contra os sedentarios, os desposuídos contra os propietarios, os pobres contra os ricos.

Escrita como unha obra lúdica –o propio autor recoñeceu que esta foi a primeira peza na que quixo que predominase o cómico–, nela mestúranse "temas espléndidos para facer rir", como as historias de cobiza, herdanzas e fillos ilexítimos, con outros que o son menos, como a guerra ou a discriminación nas súas diferentes manifestacións. A escenografía móbil deseñada por Xoán Anleo e a iluminación de Octavio Mas fan fincapé neste ambiente de conflito e cambio, ao tempo que o espazo sonoro de Ugia Pedreira e o vestiario e estilismo de La Canalla (Francisco J. Soto e Patricia Soto) inciden na idea de mestizaxe social e cultural.

O regreso ao deserto ofrecerá cinco funcións semanais, de mércores a domingo, en Santiago. As dúas primeiras representacións celebraranse os días 20 e 21 de outubro, a partir das 21.00 horas, mentres que as restantes terán lugar ás 20.30 horas de xoves a sábado, e ás 18.00 horas os domingos. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, dende dúas horas antes do comezo de cada función, a un prezo de 10 euros, con descontos do 50% para maiores de 65 anos, estudantes, persoas en situación de desemprego e familias numerosas.

BLOG PARA OS ALUMNOS

Canto ás funcións escolares dos mércores, ás 11.00 horas, até o momento teñen confirmada a súa asistencia diferentes grupos dun total de 13 institutos de Santiago e da comarca, completando practicamente todo o aforo dispoñible. O CDG elaborou un caderno educativo, do que é autor Alfredo Rodríguez, para facilitarlles aos profesores e alumnos o traballo na clase, tanto antes como despois de asistir ao espectáculo. Ademais, e por vez primeira, a compañía pública vén de poñer en marcha un blog no enderezo http://oregresoaodeserto.blogspot.com, dirixido a estudantes e profesores, pero tamén ao público en xeral.

Trala súa estadía en Compostela, o Centro Dramático Galego iniciará unha xira con este espectáculo que se prolongará até o mes de xaneiro e durante a que será escenificado en Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 24 de novembro), Pontevedra (Teatro Principal, 2 de decembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 5 e 6 de decembro), Ferrol (Teatro Jofre, 9 e 10 de decembro), Ourense (Teatro Principal, 20 e 21 de decembro), Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 7 de xaneiro), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 13 de xaneiro) e Narón (Auditorio Municipal, 19 e 20 de xaneiro).

Documentación
Ligazóns