Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CARLOS NÚÑEZ ACTUOU NO TEATRO COLISEO E XOEL LÓPEZ CON VETUSTA MORLA EN LA TRASTIENDA

Principia en Bos Aires a actividade musical galega despregada con motivo da BAFIM

[20/11/2009] A delegación galega desprazada a Bos Aires con motivo da Feria Internacional de la Música (BAFIM) iniciou a súa actividade de promoción musical mediante a súa instalación cun stand propio no recinto feiral de Costa Salguero e a celebración con gran éxito dos primeiros concertos, a cargo de Carlos Núñez, Xoel López e Vetusta Morla, en distintos escenarios da cidade.

Imaxe do showcase de Xoel López

Integrantes das empresas EsmerArte Servicios Artísticos, Keltia Producións, Nordesía, Ouvirmos e Lonxa Cultural; as asociacións do sector Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais); e a representación institucional da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo están a compartir o espazo expositivo na sede da feira. Desde aí dáse a coñecer para o mercado iberoamericano a marca común Galician Tunes e estanse a establecer contactos bilaterais con distintos axentes culturais, ao tempo que se dispensa atención ao público xeral que visita cada tarde a BAFIM.

Dentro do programa de concertos, onte levouse a cabo un showcase de Xoel López, artista seleccionado dentro da carteleira artística oficial de BAFIM. López actuou ademais a pasada noite en La Trastienda, onde compartiu escenario con Vetusta Morla nun concerto organizado pola empresa viguesa EsmerArte-La Fábrica de Chocolate. Esa mesma noite Carlos Núñez ofreceu un multitudinario concerto no Teatro Coliseo no que o gaiteiro interpretou ante máis de 1.500 persoas os temas do seu último traballo discográfico "Alborada do Brasil".

Recepción no Centro Galicia

A cidade de Bos Aires acolle ademais estes días unha intensa campaña publicitaria sobre o devandito ciclo paralelo de concertos, que se comunica baixo o lema "La música de los gallegos" e a través de grandes carteis en puntos estratéxicos do centro urbán. Tamén se están a distribuír milleiros de postais e tarxetas nas que se presenta a marca e a web Galician Tunes nos principais locais de ocio da cidade.

Dentro desta mesma finalidade promocional, o Centro Galicia de Bos Aires ofrecerá hoxe unha recepción á que acudirán un centenar de persoas, entre membros da comunidade galega na Arxentina, autoridades políticas e distintas persoalidades da música e a cultura de ambas beiras do Atlántico. O acto, no que participará o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero; e o delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, contará coa interpretación musical de varios temas a cargo da cantante Uxía.

O programa de concertos en Bos Aires continuará mañá sábado día 21 con Uxía e Aló Irmao (Fran Pérez "Narf" e Manecas Costa) en La Trastienda e unha nova actuación de Xoel López con Vetusta Morla na Sala Niceto; en tanto a actividade no recinto feiral prolongarase até a noite do domingo día 22.

Documentación
Ligazóns