Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O FUNDADOR DO GRUPO WOLFSTONE ESTARÁ ACOMPAÑADO DO TAMÉN VIOLINISTA LAIN MACFARLANE E DO GUITARRISTA EWAN ROBERTSON, COS QUE OFRECERÁ UN CONCERTO O DÍA 20

Duncan Chisholm abre as master class de música tradicional da AGADIC cun curso sobre técnica e estilos do violín escocés

[16/11/2009] O mestre escocés Duncan Chisholm inaugurará maña en Santiago o ciclo de master class de música tradicional que organiza a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) cun curso sobre técnica e estilos do violín escocés, que impartirá ata o vindeiro xoves día 19 na sede da Escola de Altos Estudos Musicais. Chisholm, fundador do grupo de rock e folk escocés Wolfstone, achegará aos alumnos as claves para unha mellor comprensión da tradición musical escocesa, traballando con eles unha serie de melodías de calidade co obxectivo de que as poidan incorporar ao seu repertorio.

Duncan Chisholm

Afondarase, en concreto, na relación estilística entre o violín tradicional e as gaitas escocesas, así como nas inflexións usadas para imitar o estilo da gaita co violín. Traballarase tamén na interpretación de aires tradicionais, tanto gaélicos como doutros tipos, a través da aprendizaxe de diferentes técnicas para executalos correctamente.

Concerto de música escocesa

Durante as tres sesións, que se desenvolverán entre as 16.30 e as 21.00 horas, Duncan Chisholm contará co acompañamento musical do tamén violinista Ian MacFarlane e do guitarrista Ewan Robertson, cos que protagonizará o concerto de música escocesa que terá lugar no Auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais o venres día 20, ás 20.30 horas.

Este ciclo de master class completarase con outros dous encontros: "A percusión non tradicional na música folk galega", que o percusionista Carlos Castro impartirá os días 4, 11 e 18 de decembro, e "Improvisación libre. A composición en movemento", a cargo da saxofonista e percusionista Chefa Alonso do 16 ao 18 de decembro.

Os interesados en asistir a estas clases, dirixidas tanto a músicos profesionais coma a estudantes de conservatorios ou escolas de música, poden realizar a súa inscrición on line a través da web www.masterclassdemusicatradicional.info. O alumnado terá que achegar o seu propio instrumento e aboar previamente 100 euros en concepto de custo de matrícula.

Duncan Chisholm (Inverness, Escocia, 1968) é un dos violinistas máis aclamados da música celta internacional. Comezou a tocar o violín con oito anos e para cando fundou Wolfstone xunto a Stuart Eaglesham no ano 1989, xa era a o máximo expoñente do violín tradicional escocés. Con Wolfstone gravou nove álbumes de estudio e percorreu os escenarios de medio mundo. Unha canción do grupo, "Heart and Soul", escrita por Chisholm e Ivan Drever formou parte da banda sonora da película gañadora de dous Oscars O indomable Will Hunting.

Iniciou a súa carreira en solitario no ano 1997 con Redpoint, un traballo discográfico co que acadou eloxios unánimes por parte da crítica. Posteriormente editaría en 2001 o seu segundo álbum, The Door of Saints, unha mestura de influencias españolas e gaélicas co que quixo reflectir o amor que sentía polo norte de España. Nestes momentos traballa xa no que será o seu terceiro álbum, que planea gravar en 2010.

Desde hai varios anos, fai tamén xiras por Europa e América co cantante, compositor e guitarrista escocés Ivan Drever. Xuntos gravaron varios discos e colleitaron éxitos nos mellores festivais folk do mundo, como o Tonder Festival (Dinamarca) ou o Celtic Connections (Escocia).

Na actualidade compaxina a súa carreira en solitario co seu liderado no grupo Wolfstone e as súas actuacións a dúo con Ivan Drever, ademais doutras colaboracións con artistas como Connie Dover ou Julie Fowlis.

Ligazóns