[13/11/2009] A industria musical galega busca abrir novas vías de acceso ao mercado latinoamericano a través da súa primeira participación conxunta en BAFIM (Buenos Aires Feria Internacional de la Música), que se celebrará na capital arxentina do 19 ao 22 de novembro. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou hoxe as accións que desenvolverá a representación galega neste importante encontro internacional, ao que acoden cinco empresas e dúas asociacións profesionais co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), entre as que destaca un programa paralelo de concertos a cargo de Carlos Núñez, Xoel López, Vetusta Morla, Aló Irmao e Uxía en diferentes salas e teatros de Bos Aires.
O conselleiro de Cultura mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes de 10 compañías e das dúas principais asociacións de empresarios musicais -AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas)-, trala que anunciou que a AGADIC creará dúas novas liñas de apoio ao sector destinadas á mellora dos equipamentos dos estudos de gravación e empresas produtoras, así como a grandes obras discográficas con especiais características de produción.
Acordos internacionais
Ademais, segundo adiantou Roberto Varela, os artistas e compañías recibirán apoio para a súa mobilidade e presenza fóra de Galicia no marco dun plano xeral de traballo no que xa están ultimados acordos de intercambio artístico con Cataluña, Brasil, Portugal e Centroeuropa. Neste sentido, fixo fincapé na relevancia da presenza galega en BAFIM dentro da estratexia de internacionalización da nosa música, tendo en conta a consolidación da feira porteña como un dos principais eventos da industria musical latinoamericana, para o que están acreditados 750 profesionais de todo o mundo, así como a súa apertura ao público xeral, cunha asistencia estimada de 100.000 visitantes.
O titular de Cultura explicou que a prioridade da representación empresarial na feira internacional de Bos Aires é a de abrir unha sólida vía de acceso da industria musical galega no mercado latinoamericano da man de destacadas empresas do sector e de artistas e grupos de primeira liña. Preténdese, asemade, consolidar a relación con Brasil como socio estratéxico en Sudamérica tralo acordo acadado recentemente no Womex de Copenhague para o intercambio musical entre Galicia e o Estado de Minas Gerais, ao tempo que se buscará sentar as bases para novos acordos bilaterais encamiñados a promover a música galega noutros mercados iberoamericanos.
Stand propio
As compañías EsmerArte Servicios Artísticos, Keltia Producións, Nordesía, Ouvirmos e Lonxa Cultural e as asociacións Agaphono e AGEM compartirán espazo no stand da música galega en BAFIM. Este será un dos epicentros da actividade empresarial e promocional, desde o que se darán servizos de cobertura loxística ás compañías, de intermediación comercial e de atención ao público, ademais de acoller accións concretas como sinaturas de discos por parte de artistas e grupos como Xoel López ou Vestusta Morla. A asociación AGEM, co respaldo da AGADIC, foi a encargada de organizar a participación galega nesta feira seguindo a fórmula operativa que xa fora empregada no Womex 09.
A actividade feiral, que inclúe tamén un showcase de Xoel López dentro da selección oficial de BAFIM, reforzarase cun programa paralelo de concertos en diferentes espazos da capital arxentina, protagonizados por algúns dos máis destacados artistas representados polas empresas galegas que viaxan a Bos Aires. Ademais de Xoel López, Aló Irmao (Fran Pérez "Narf" e Manecas Costa), Carlos Núñez, Uxía e Vetusta Morla actuarán entre o 18 e o 21 de novembro en diferentes teatros e salas de Bos Aires baixo o lema "La música de los gallegos" e a marca Galician Tunes.
Nos días previos á inauguración da feira iniciarase, así mesmo, unha intensa campaña de difusión destinada tanto a publicitar o programa paralelo de concertos, a través de grandes carteis en puntos estratéxicos do centro de Bos Aires e da distribucións de postais nos principais locais e centros de ocio da cidade, como a promover directamente a música galega mediante tarxetas nas que se presenta a marca e a web Galician Tunes.
Tamén está prevista unha recepción á comunidade galega e autoridades políticas e culturais, que terá lugar no Centro Galicia de Bos Aires o día 20, ás 19.00 h, e que contará coa actuación en directo da vocalista Uxía.