Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A INICIATIVA DESENVOLVERASE EN SANTIAGO EN DISTINTAS DATAS DE NOVEMBRO E DECEMBRO COMO APOIO Á FORMACIÓN EN MÚSICA TRADICIONAL

A AGADIC organiza un ciclo de tres "master class" de música tradicional impartidas por Duncan Chisholm, Carlos Castro e Chefa Alonso

[06/11/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) organiza un ciclo de tres clases maxistrais (master class) como apoio á formación en música tradicional, que serán impartidas polos mestres Duncan Chisholm, Carlos Castro e Chefa Alonso. O violín escocés, a percusión e a improvisación libre serán os tres eixos sobre os que versarán as clases, destinadas tanto aos músicos profesionais coma aos estudantes de conservatorios ou escolas de música.

Duncan Chisholm

Cada unha das citas desenvolverase en programas de tres días (cada un con catro horas presenciais) na sede da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, en distintas datas de novembro e decembro. Os interesados poden realizar xa a súa inscrición on line a través da web www.masterclassdemusicatradicional.info.

A primeira das master class previstas terá lugar os días 17, 18 e 19 de novembro a cargo do violinista Duncan Chisholm, fundador do mítico grupo escocés Wolfstone, que contará coa colaboración do tamén violinista Lain Macfarlane. Baixo o título "Técnica e estilos do violín escocés", o guitarrista Ewan Roberston realizará o acompañamento musical ás sesións lectivas. Os tres músicos ofrecerán ademais un concerto o 20 de novembro no auditorio da EAEM cun programa baseado no repertorio deste instrumento.

As clases de Chisholm centraranse na relación estilística entre a música de violín tradicional e das gaitas escocesas, a historia da relación entre os dous instrumentos e as inflexións usadas para imitar o estilo da gaita co violín. Tamén se levará a cabo a aprendizaxe de temas musicais relevantes, así como o achegamento a outros instrumentos de aire tradicionais, entre eles os gaélicos.

O papel da percusión

O percusionista Carlos Castro desenvolverá a segunda clase ao redor do tema "A percusión non tradicional na música folk galega, que se celebrará os días 4, 11 e 18 de decembro. O obxectivo deste curso é proporcionar unha nova visión sobre a utilización da percusión, que sirva para orientar e completar o papel do percusionista dentro da música folk galega.

Ao longo das tres sesións, Carlos Castro combinará as tarefas de traballo individual e en grupo eminentemente prácticas coa formación sobre as influencias neste tipo de música a través de audicións e transcricións. Abordará tamén contidos sobre os instrumentos de percusión comúns (técnicas, combinacións, función na música) e os melódicos (tratamentos melódicos, tratamentos harmónicos, combinacións e función na música).

A improvisación libre

A saxofonista e percusionista galega Chefa Alonso será a encargada de impartir a terceira clase, "Improvisación libre. A composición en movemento", que se realizará entre os días 16, 17 e 18 de decembro.

A clase, concibida a xeito de obradoiro, parte de que a improvisación libre -que se orixina e desenvolve en Europa desde os anos 60 no seo do free jazz e as músicas contemporáneas, electrónicas e populares- sobrepasa en realidade todos eses parámetros xa que as tonalidades, as referencias tonais, as progresións harmónicas definidas, o ritmo e o pulso preacordado non son elementos obrigatorios.

O obxectivo concreto da clase é a introdución dos alumnos na improvisación libre dunha forma gradual e imaxinativa, a partir de aspectos tan xerais como a escoita, a concentración, a interacción, o silencio, o risco ou a memoria musical. En cada sesión de traballo proporanse tres aspectos de intervención musical activa e unha audición na que se recollerán exemplos musicais representativos do material traballado en cada sesión.

Un total de 45 alumnos

Un total de 45 alumnos, tanto músicos profesionais como estudantes, poderán asistir a estas clases, xa que cada unha delas ofrece un tope de 15 prazas. O alumnado terá que achegar o seu propio instrumento e aboar previamente 100 euros en concepto de custo de matrícula.

No caso de que o número de solicitudes supere o de prazas dispoñibles, serán os propios mestres os que seleccionen os alumnos en función dos curricula recibidos.

Documentación
Ligazóns