Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O BARCO, O CARBALLIÑO E OURENSE ACHEGAN UN TOTAL DE CATRO ESCENARIOS A ESTE CIRCUÍTO

A provincia de Ourense acolle 31 funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios no segundo semestre do ano

[10/10/2006] A Rede Galega de Teatros e Auditorios, da que forman parte o Teatro Principal e o Auditorio de Ourense, o Teatro Municipal Lauro OImo do Barco de Valdeorras e o Auditorio Municipal do Carballiño vén de inaugurar os programas Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica como paso previo á posta en marcha dun novo modelo organizativo baseado no desenvolvemento de programacións específicas de teatro, música, danza, maxia e monicreques. Así, no marco deste circuíto de exhibición de espectáculos que promove o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellería de Cultura e Deporte, a provincia de Ourense acollerá neste segundo semestre do ano un total de 31 funcións, das que 9 corresponden ao programa Rededanza, 3 a Redesons Clásica e as 19 restantes ao programa xeral.

A Rede iniciará en xaneiro de 2007 unha nova etapa, trala conclusión dun proceso de reforma no que están a participar os diferentes sectores implicados (asociacións escénicas, programadores culturais e IGAEM). Neste momentos, enfronta pois a recta final da súa reformulación, a través da que busca consolidarse como un circuíto de espazos de exhibición, no seo do que se desenvolverán programacións concretas dedicadas aos distintos xéneros escénicos e musicais, cada unha delas con requirimentos e orzamentos diferenciados. Esta atención especializada pretende que a danza, a música, os monicreques e a maxia conten cun espazo crecente nunha oferta de espectáculos que até o de agora se centraba basicamente no teatro de actor.

Neste sentido, configuráronse Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica que, neste segundo semestre do ano, complementan o cartel xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, integrada por 46 concellos e entidades de toda Galiza. A incorporación destas tres novas programacións supón un volume de contratación global de 263.340,62 euros (148.047.31 euros a cargo do IGAEM e 115.297,31 euros, dos concellos participantes), que se suma ao investimento total de 609.587,42 euros destinado á programación xeral durante este mesmo período.

CALENDARIO DE ACTUACIÓNS

A cidade de Ourense acollerá un total de 13 funcións da Rede entre os meses de xullo e decembro. Até finais de ano, as actuacións pendentes intégranse tanto no programa xeral –no marco do que o Teatro Principal ofrecerá os espectáculos Imperial Café Cantante de Teatro do Noroeste (día 21 e 22 de outubro), Historia natural de Matarile Teatro (28 outubro) e El tren de Teatro Paraíso (29 decembro)–, como en Rededanza con funcións no Teatro Principal –Patas Arriba con Islas (14 de outubro), Disque Danza con Menú vexetal (17 de decembro) e Druída Danza con Verde transparente (28 de decembro)– e no Auditorio –Pepe Hevia con Delicado abismo (8 de decembro), Ballet Jesús Quiroga con Valle rosa (día 15), Inquedanza con En la cuenca de tus ojos (día 22), BStudio con De meu (día 29) e Larumbe Danza con Tutti Frutti (día 30)–.

Ademais destas 9 representacións de Rededanza en Ourense, a programación específica Redesons Clásica ofrecerá 3 concertos no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco, onde mañá ás 20.30 horas actuará o dúo de guitarras Arte en Parte, o 9 de novembro Armonía Universal e o 24 de novembro Mondello Quarter. O resto das funcións previstas até finais de ano na provincia, forman parte da programación xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios: no Barco, Teatro de Adro con García (27 outubro), Xirriquiteula Teatro con Papirus (3 novembro), Teatro do Atlántico con A raíña da beleza de Leenane (17 de novembro), Nove Dous con Ondas (1 decembro), Teatro de Ningures con Tartufo (15 decembro), A Factoría Teatro con O tío Vania (22 decembro) e o dúo Guadi Galego e Guillermo Fernández (29 decembro; e no Auditorio Municipal do Carballiño, Títeres Cascanueces con O astrólogo, María e a pócima marabillosa (10 novembro), Teatro de Ningures (17 novembro) e Teatro do Atlántico (24 novembro).

AMPLIACIÓN DE OBXECTIVOS

A Rede, que celebrou a súa primeira programación hai agora dez anos, encamíñase cara a un novo modelo de funcionamento e xestión que suporá un fondo cambio tanto na súa concepción como nos seus obxectivos. Así, o novo circuíto buscará potenciar o mercado galego das artes escénicas, apoiando a súa presenza e visibilidade social, traballando na captación de públicos, promovendo a formación na xestión cultural aplicada ás programacións e incrementando o volume total de contratación. A creación dunha páxina web propia, a posta en marcha de billeteiras electrónicas, a xestión a través dunha intranet e a realización de estudos periódicos serán algunhas das actuacións que se desenvolverán neste sentido.

Trátase, así mesmo, de lograr unha Rede máis dinámica, aberta aos diferentes xéneros artísticos a través de programacións especializadas, que se converta en referente para a distribución e exhibición das artes escénicas e musicais galegas. Con este fin, a Comisión Técnica de Reforma traballa na concreción das normas de funcionamento que se aplicarán a partir de xaneiro e que serán presentadas proximamente ao conxunto dos axentes das artes escénicas e musicais de Galiza cara á súa aprobación definitiva.

Documentación