Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MÁIS DE 2.000 PERSOAS VISITARON O "STAND" DA DELEGACIÓN GALEGA INSTALADO BAIXO A MARCA GALICIAN TUNES

Galicia e Brasil acadan no Womex un acordo para a difusión de grupos musicais en réxime de intercambio

[31/10/2009] Os grupos musicais galegos poderán desenvolver en 2010 varios concertos en Brasil segundo un acordo acadado entre as delegacións galega e brasileira presentes no Womex (World Music Expo) que se celebra estes días en Copenhague. A feira máis importante do circuíto internacional especializada en música folc, de raíz, étnica e tradicional pecha mañá a súas portas na capital dinamarquesa cun positivo balance para as asociacións e empresas desprazadas, que intensificaron estes días os seus contactos para a difusión de artistas.

Womex 09

O acordo pechado con Brasil consistirá na organización dun ciclo, dunha semana de duración, dedicado preferentemente á musica galega aínda que tamén aberto a outras disciplinas, que se celebrará na área xeográfica de Minas Gerais, o cuarto estado en extensión de Brasil, situado ao sueste do país e cunha poboación de máis de 21 millóns de habitantes. A iniciativa materializarase mediante un convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Secretaría do Estado de Minas Gerais, que permitirá a actuación de entre 8 e 10 grupos ou solistas galegos no devandito destino suramericano. Como contrapartida, Galicia acollerá así mesmo unha semana cultural de música brasileira dentro do vindeiro ano 2010.

Avance nas relacións estratéxicas

Womex iniciou en 2009 a súa estadía de tres anos con Copenhague como sede, onde estes días se congregaron máis de 3.000 axentes acreditados procedentes de 90 países. A delegación galega estivo composta polas compañías Falcatruada, Ouvirmos, Zouma Records, Berrogüetto Producións, Abada, Mare, Articket, Sul Produccións, Nordesía e Lóspregos. As dúas últimas dispuxeron ademais de cadanseu espazo exclusivo. Xunto á representación institucional que encabezou o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, tamén estiveron en Womex integrantes das dúas principais asociacións do sector: AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), en quen recaeu a organización da participación galega no evento.

Voceiros das devanditas asociacións coincidiron en avaliar de xeito moi positivo os contactos acadados, no que se refire sobre todo ao reforzamento da presenza da música galega neste tipo de eventos internacionais e ao avance nas liñas de negociación abertas con institucións e empresas consideradas estratéxicas para os intereses da música galega. Valoraron, así mesmo, as vantaxes de acudir ás feiras profesionais de forma conxunta e co respaldo institucional, neste caso da Consellería de Cultura como patrocinadora do espazo de Galician Tunes.

Máis de 2.000 visitantes

Máis de 2.000 persoas achegáronse polo stand galego instalado no Bella Center de Copenhague co patrocinio da AGADIC, onde tiveron oportunidade de coñecer a marca Galician Tunes, principal reclamo co que se vén promovendo nos últimos anos o conxunto da música galega actual no exterior.

Deste xeito puideron facerse co material promocional específico: un CD de audio cunha selección de temas interpretados por artistas galegos, tales como bOnOvO, Fía na Roca, Milladoiro, Berrogüetto, Nova Galega de Danza, Rosa Cedrón, Mercedes Peón, Uxía, Fran Pérez "Narf" & Manecas Costa, Hermanos Moreira, Orquestra Vigo 430, ISGA Collective, Donatore di Groove, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato & Mutenrohi ou Anxo Lorenzo. Tamén se inclúe unha promo de varios músicos baixo o título Rumbas, procedente da plataforma Descarga ao Vivo.

Todos os visitantes tiveron acceso así mesmo á guía Galician Festivals, que recolle a listaxe de festivais e ciclos de música galegos máis destacados, elaborada especificamente para a promoción internacional e a revista Ao Vivo Música, editada semestralmente pola AGADIC para a promoción dos grupos e solistas participantes na programación da Rede Galega de Música ao Vivo.

Na imaxe, o director da AGADIC (esq.) cos representantes da delegación de Minas Gerais