Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO, DIRIXIDO POR ÁLEX RIGOLA E CUN AMPLO ELENCO ENCABEZADO POR LLUÍS MARCO E JOAN CARRERAS, PODERÁ VERSE O SÁBADO 24 ÁS 20.30 E O DOMINGO 25 ÁS 18.00 H

Teatre Lliure ocupa o Salón Teatro cunha versión "unplugged" de "Nixon-Frost", baseado no Watergate

[22/10/2009] O Salón Teatro acolle esta fin de semana (sábado 24 ás 20.30 h e domingo 25 ás 18.00 h) a posta en escena da última produción de Teatre Lliure, Nixon-Frost. Baixo a dirección de Álex Rigola e cun elenco de 10 actores e actrices que presenta a Lluís Marco e Joan Carreras nos papeis protagonistas, a emblemática compañía catalá recrea o episodio das desculpas televisivas do ex-presidente norteamericano Richard Nixon trala súa dimisión polo caso Watergate.

Nixon-Frost

Despois de acoller catro espectáculos dentro da Feira Galega das Artes Escénicas 2009, o escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) prosegue coa súa programación de outono con dúas únicas funcións desta montaxe, que usa a crítica política como xénero teatral. Así, a dramaturxia realízase partir do texto do guionista e dramaturgo británico Peter Morgan, baseado nun dos momentos televisivos máis significativos de todos os tempos: cando en 1977 Richard Nixon pediu desculpas publicamente ao pobo norteamericano pola súa implicación no escándalo das escoitas ilegais.

O ex-presidente dimitira tres anos antes, sen chegar a ser xulgado polo caso e tras recibir o indulto do seu sucesor, Gerald Ford. Durante aquel período mantivérase en silencio, até que concede unha serie de entrevistas por televisión a David Frost -un famoso presentador británico de programas tipo late night show- a cambio de 600.000 dólares. O encontro entre Nixon e Frost desembocará nun duro, tenso, emocionante e enxeñoso pulso dialéctico que culminará cunha reveladora exhibición de sinceridade.

Versión "unplugged"

Na interpretación destaca a parella protagonista, interpretada polo veterano actor Lluís Marco no papel de Nixon e Joan Carreras no de Frost. Outros dez actores e actrices acompáñanos no reparto: Chantal Aimée, Amanda Baqué, Andreu Benito, Oriol Guinart, José Novoa, Jordi Puig Marpons, Òscar Rabadan, Santi Ricart, Nina Uyà e Neus Ballbé.

O director Álex Rigola concibiu o espectáculo en dúas versións; unha primeira, máis espectacular e de gran formato, conta cun espazo escénico realista con elaboración escenográfica, unha banda sonora sinfónica que marca o clima da historia e que emprega audiovisuais nunha narración eminentemente cinematográfica.

A outra versión, bautizada como "Unplugged escénico", destaca pola proximidade dos actores na posta en escena e nela a narración teatral está puntuada polo audiovisual. O escenario é máis conceptual (a penas unhas cadeiras) e a banda sonora é electrónica para reflectir as tensións internas dos personaxes. Esta é a que poderá verse en Compostela.

Recoñecido guionista cinematográfico

Peter Morgan (Londres, 1963) comezou a escribir guións de televisión nos anos 90. Entre outros, é autor dun episodio de Rik Mayall Presents e da comedia The Chest. Escribiu o guión do filme Martha, meet Frank, Daniel and Laurance (1998) e dalgunhas series de TV de éxito como The Jury (2002). Porén, salta á fama con The Deal (2003), un filme sobre a pugna polo poder entre Tony Blair e Gordon Brown forxada no restaurante Granita de Londres. Posteriormente, recibe unha nominación aos Oscars por The Queen (2006), protagonizada por Helen Mirren no papel de Raíña de Inglaterra, que amosa o impacto da morte da Princesa Diana na familia real británica e no Primeiro Ministro, daquela, Tony Blair. En 2007 gaña un Globo de Ouro polo seu labor nesta película.

En 2006 estrea The Last King of Scotland e represéntase a súa primeira obra de teatro, Nixon-Frost, estreada no Donmar Warehouse Theatre de Londres baixo a dirección de Michael Grandage, con Michael Sheen no papel de Frost e Frank Langella, no de Nixon. En 2008, os mesmos intérpretes protagonizaron a versión cinematográfica da peza dirixida por Ron Howard. Actualmente, acaba de finalizar o guión de Hereafter, un thriller sobrenatural.

As entradas para asistir ás dúas representacións de Nixon-Frost poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para a función do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Na imaxe, Lluís Marco como Richard Nixon. Fotografía: Ros Ribas

Ligazóns