Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ACTIVIDADE COMERCIAL CONTINÚA ATA O VENRES DÍA 23 NA ZONA DE MERCADO

Seis compañías amosan os seus espectáculos na última xornada de funcións da Feira das Artes Escénicas

[21/10/2009] A Feira Galega das Artes Escénicas 2009 ofrecerá mañá a súa última xornada de funcións, na que as compañías Os Monicreques de Kukas, O Retrete de Dorian Gray, Teatro de Ningures, Talía Teatro, Teatro do Atlántico e Sarabela Teatro amosarán as súas últimas producións teatrais. Porén, a actividade comercial desta décimo sétima edición do encontro, organizado pola AGADIC, continuará ata o venres 23 na zona de mercado instalada no Auditorio de Galicia de Santiago.

Palabras encadeadas, de Talía Teatro

Esta cuarta xornada feiral arrincará ás 11.00 horas na sala Ángel Brage do Auditorio, onde Os Monicreques de Kukas e a Real Filharmonía de Galicia porán en escena O castelo da Rocha Vella, un musical para actores e monicreques inspirado nun conto do doutor Luciano García Alén. Pensado para un público familiar, o espectáculo comeza cun limiar cómico-didáctico no que dous actores introducen o espectador na ciencia da arqueoloxía e no funcionamento dunha orquestra, para dar paso á narración musicada desta historia sobre Compostela, o Camiño de Santiago, as loitas irmandiñas e as lendas do Castelo de Rocha Vella. Marcelino de Santiago "Kukas" a cargo da dirección escénica e Maximino Zumalave, da orquestral asinan este proxecto compartido, que se presenta no marco Feira tan só un día despois da súa estrea.

Marionetas con globos

A continuación, O Retrete de Dorian Gray porá en escena a súa Rúa Aire, unha montaxe na que Marcos "PTT" Carballido e Ezra Moreno constrúen todo un universo de suspense e misterio a partir de marionetas feitas con globos, segundo a técnica de manipulación de monicreques inchables que eles mesmo inventaron. Este espectáculo, coproducido co Centro Dramático Galego, diríxese a un público infantil entre 7 e 12 anos. A cita será ás 12.15 horas no teatro da ARTeria Noroeste.

Teatro de Ningures chega a esta edición da Feira das Artes Escénicas con Atra Bile, obra da autora madrileña Laila Ripoll dirixida por Etelvino Vázquez, que presenta ás 16.00 horas na sala Mozart do Auditorio. Casilda García, Sonia Rúa, Josi Lage, David Novas e Fran Paredes conforman o elenco da nova montaxe da compañía residente do Concello de Cangas, que acaba de ser recoñecida co premio ao mellor espectáculo no Festival de Teatro Galego (FETEGA) do Carballiño. O realismo máxico impregna este drama protagonizado por catro mulleres que, durante o velorio do marido dunha delas, deixan aflorar os segredos e sentimentos reprimidos durante moitos anos.

A Sala Nasa acollerá ás 18.00 horas Palabras encadeadas, de Talía Teatro a partir da obra de Jordi Galcerán. Artur Trillo dirixe a Toño Casais e María Ordóñez nas súas interpretacións dun psicópata e a súa vítima que, pechados nun espazo sen posibilidade de fuga aparente, buscan no outro ao culpable desta situación extrema.

Teatro do Atlántico subirá ás táboas do Teatro Principal a súa última produción, O xogo de Yalta/Afterplay, dúas destacadas pezas da dramaturxia contemporánea escritas polo irlandés Brian Fiel a partir de varios contos e personaxes de Chéjov. Xúlio Lago é o director deste espectáculo, que poñen en escena Victoria Pérez, Damián Contreras, María Barcala e Gonzalo M. Uriarte. A función dará comezo ás 20.30 horas.

Por último, Sarabela Teatro presentará ás 23.30 h no Salón Teatro a súa adaptación de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor con dirección de Ánxeles Cuña. Fernando Dacosta, Suso Díaz, Josito Porto, Nate Borrajo, Rosa Álvarez, Elena Seijo, Sabela Gago, Fina Calleja e Tito Asorey interpretan esta traxedia aceda sobre tres homes marxinais e marxinados que deambulan polos arrabaldes de Auria, trasunto da cidade de Ourense.

Último showcase de danza

Tamén mañá, ás 13.20 horas, terá lugar no adro da ARTeria Noroeste o último dos catro showcases de danza: A medio metro de lo vivido, unha peza curta interpretada por Kirenia Martínez e Leodán Rodríguez, da compañía Entremans.

Con A esmorga culmina o programa de exhibición da XVII Feira das Artes Escénicas, integrado por 20 espectáculos de teatro e danza a cargo doutras tantas compañías galegas. Os máis de 130 profesionais acreditados están a asistir a unha mostra da máis recente produción escénica galega, con dúas estreas absolutas -hoxe preséntanse por vez primeira diante do público Rosalía, a pulga que escribía, de Galitoon e Shakespeare para ignorantes, de Mofa e Befa- e unha ampla porcentaxe de montaxes que veñen de iniciar o seu percorrido polos escenarios nas últimas semanas.

Os participantes teñen reservadas as súas localidades para todos os espectáculos solicitados, en tanto que o público xeral pode acceder de balde ás montaxes programadas pola tarde no Auditorio, Salón Teatro e Teatro Principal, en función do aforo dispoñible. As billeteiras ábrense unha hora antes do comezo de cada espectáculo.