Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A CREACIÓN DUN "PULL" DE EMPRESAS ESPECIALIZADAS PARA ASESORAR ÁS COMPAÑÍAS GALEGAS NA DIFUSIÓN DO SEU TRABALLO FOI UNHA DAS IDEAS APOIADAS NO DEBATE

Xornalistas e expertos en comunicación analizaron estratexias para lograr unha maior visibilidade social do teatro e a danza

[20/10/2009] Xornalistas e especialistas en comunicación debateron hoxe en Santiago sobre diferentes estratexias para lograr unha maior presenza dos espectáculos de teatro e danza nos medios informativos, no marco da primeira mesa de debate da Feira Galega das Artes Escénicas 2009. Os profesionais participantes neste foro achegaron ideas para intentar superar as principais eivas na difusión social da actividade escénica, como a creación dun pull de empresas especializadas en comunicación para asesorar ás compañías galegas, ou a procura dun "gran pacto" entre os medios e os axentes culturais cara á unha maior repercusión informativa do teatro e a danza.

Mesa de debate

No debate, aberto a todos os asistentes, interviñeron Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e columnista en varios medios de comunicación; Gloria Ferreiro, actriz e xefa de Programas da Radio Galega; Miguel Piñeiro, director de Atlantis Multimedia, empresa produtora e de servizos de publicidade e asesoramento en técnicas de comunicación e imaxe; e José Matos Silva, da Área de Comunicación e Relacións Externas do Teatro Nacional São João do Porto. Carlos Roma, redactor de Correo TV, exerceu como moderador.

Optimización de recursos

Os relatores coincidiron en subliñar a orixinalidade e a diferenciación nas accións promocionais como a mellor estratexia para superar os hándicaps, principalmente económicos, cos que se atopan a maioría das compañías de teatro e danza á hora de comunicar os seus espectáculos tanto ao público potencial como aos xornalistas. Neste sentido, Miguel Piñeiro propuxo a creación dun pull de empresas especializadas que, co apoio da administración, puidera realizar labores de asesoramento ás formacións galegas cara á optimización dos seus recursos comunicativos.

Así mesmo, os asistentes avogaron pola procura dun "gran pacto" entre todos os sectores implicados (medios de comunicación, administracións, empresas produtoras e distribuidoras de espectáculos, programadores, etc.) destinado a cambiar as actuais sinerxías no comportamento dos media respecto da información cultural. A posta en marcha de campañas de promoción xeral do teatro e a danza, ao modo das que se teñen realizado noutros ámbitos culturais como o do libro, foi outras das ideas valoradas polos profesionais que se deron cita esta tarde no Auditorio de Galicia.

Todos coincidiron, ademais, en sinalar a creatividade como unha fórmula efectiva de promoción fronte a uns recursos económicos limitados, así como na utilidade das ferramentas que ofrecen Internet e as novas redes sociais na difusión dos espectáculos de teatro e danza entre un gran número de posibles espectadores.

Terceira xornada de actividade

A XVII Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebra en cinco espazos de Santiago ata o venres día 23, acollerá mañá un segundo debate, no que se analizará a programación dos novos formatos escénicos. Ambas mesas redondas forman parte do programa de actividades paralelas desta nova edición do encontro organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), no que tamén se insiren catro showcases de danza e unha zona de mercado con 16 stands de empresas e asociacións do sector.

Máis de 130 programadores, distribuidores e produtores procedentes de distintos puntos da Península asisten a esta Feira, que mañá celebra a súa terceira xornada de funcións cun cartel que inclúe as estreas absolutas dos espectáculos Rosalía, a pulga que escribía, de Galitoon, e Shakespeare para ignorantes, de Mofa e Befa, xunto coas últimas propostas de Berrobambán Teatro (Bicharada), Teatro do Morcego (Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade) e Quique Peón Cía. (Ovay).