Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

"ROSALÍA, A PULGA QUE ESCRIBÍA" E "SHAKESPEARE PARA IGNORANTES" REPRESÉNTANSE NA TERCEIRA XORNADA DE FUNCIÓNS XUNTO ÁS PROPOSTAS DE BERROBAMBÁN, TEATRO DO MORCEGO E QUIQUE PEÓN

As compañías Galitoon e Mofa e Befa estrean os seus novos espectáculos na Feira das Artes Escénicas

[20/10/2009] As compañías galegas Galitoon, con Rosalía, a pulga que escribía, e Mofa e Befa, con Shakespeare para ignorantes, protagonizarán mañá as dúas estreas absolutas da Feira Galega das Artes Escénicas 2009, nunha terceira xornada de actividade artística e comercial na que Berrobambán Teatro, Teatro do Morcego e Quique Peón exhibirán tamén os seus últimos espectáculos. A AGADIC organiza esta décimo sétima edición do evento, que se desenvolve ata o vindeiro venres 23 en cinco espazos de Santiago e á que asisten máis de 130 programadores, distribuidores e produtores de toda a Península.

Rosalía, a pulga que escribía

A primeira das estreas programadas terá lugar ás 12.00 horas no teatro da ARTeria Noroeste, onde Galitoon presentará a súa nova produción de teatro de monicreques: Rosalía, a pulga que escribía. Pensado para un público infantil de entre 3 e 7 anos, o espectáculo cóntanos a historia da pulga que lle dá título e de Bruno, o canguro-carteiro que se encarga de entregar as cartas que a pequena Rosalía escribe cada día, así como de lérllelas aos seus destinatarios. Andrea Mayer é a autora desta obra, que dirixe xunto a Santiago Alonso e Luis Miguel Rodríguez, mentres que Raquel Queizás e Óscar Ferreira son os encargados de dar vida aos diferentes monecos.

O Shakespeare máis ignorado

A Sala Nasa acollerá, a partir das 19.00 horas, a segunda das estreas que ofrece este ano a Feira Galega das Artes Escénicas: Shakespeare para ignorantes, da compañía compostelá Mofa e Befa. Quico Cadaval dirixe este espectáculo e, xunto a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, pon de novo en marcha a "despiadada máquina cómica" de Mofa e Befa para levar ao primeiro plano as escenas do gran dramaturgo británico máis ignoradas polo público actual. Así, os personaxes secundarios das obras de Shakespeare -asasinos, xuíces, bufóns, cornudos, delatores, etc.- pasan aquí a ter todo o protagonismo.

Esta terceira xornada de Feira dará comezo ás 10.30 horas na sala Mozart do Auditorio de Galicia con Bicharada, a última produción para público infantil da compañía Berrobambán. Baixo a dirección de Evaristo Calvo, os actores Chiqui Pereira, Paula Carballeira e Anabell Gago interpretan a araña, a formiga e o misterioso escaravello que interrompe a vida tranquila das dúas primeiras.

Teatro do Morcego, que se estrea este ano como compañía residente do Concello de Narón, presenta nesta edición da Feira Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade, montaxe coa que conmemora os seus 20 anos de traxectoria artística. Álvaro Lanvin, da compañía madrileña Teatro Meridional, dirixiu esta obra do británico Steven Berkoff sobre os medos, frustracións e estrés cotiáns, que poñen en escena Celso Parada, Mónica Caamaño, Miguel Pernas, Dorotea Bárcena e Mundo Villalustre. A cita será ás 21.00 horas no Teatro Principal.

Danza tradicional con formas contemporáneas

O cartel de exhibición de mañá concluirá ás 23.30 horas no Salón Teatro con Ovay, o espectáculo co que o investigador, bailarín e coreógrafo coruñés Quique Peón inicia una nova etapa artística á fronte da súa propia compañía. Acompañado polos músicos Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, Peón interpreta un solo de danza no que conxuga os movementos tradicionais coas formas contemporáneas. Ademais dos profesionais acreditados, o público xeral poderá acceder de balde tanto a esta montaxe como á de Teatro do Morcego, sempre en función do aforo dispoñible. Os despachos de billetes abrirán unha hora antes do inicio dos espectáculos.

Canto ao programa paralelo, a compañía Neodans ofrecerá o terceiro dos showcases de danza no que, baixo o título Nozomi, presenta unha das pezas que integran a montaxe Sólodos. Erick Jiménez e Maruxa Salas asinan a coreografía, que os bailaríns Miguel Ángel Ponte e Carmela García executarán ás 13.00 horas no adro da ARTeria Noroeste.

"Cara ás novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais" é o título da segunda das mesas de debate desta edición, na que intervirán como relatores Lola Correa, directora artística do Festival ALT de Vigo; Mateo Feijóo, director do Teatro de La Laboral de Xixón; e Pepe Vélez, director artístico de Teatros de Cádiz. Arantza Villar, actriz dos grupos Nut Teatro e Chévere, moderará este foro que dará comezo ás 16.00 h na sala circular do Auditorio de Galicia.

Tamén no Auditorio permanecerá aberta, en horario de 10.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.00 horas, a zona de mercado na que están instalados un total de 16 stands de asociación e empresas escénicas.