Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CARTEL ARTÍSTICO, INTEGRADO POR 20 ESPECTÁCULOS TEATRAIS E COREOGRÁFICOS, COMPLÉTASE CON MESAS DE DEBATE, "SHOWCASES" DE DANZA E UNHA ZONA DE MERCADO

A Feira das Artes Escénicas chega á súa XVII edición cun programa dedicado por completo ás compañías galegas

[14/10/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo organiza do 19 ao 23 de outubro a XVII Feira Galega das Artes Escénicas, que este ano concede todo o protagonismo ás compañías galegas cun cartel artístico integrado por 20 espectáculos: 11 de teatro para adultos, seis de teatro infantil e tres de danza. Os máis de 130 programadores, produtores e distribuidores de toda a Península acreditados terán tamén a oportunidade de asistir a unha serie de actividades paralelas, entre as que se inclúen dúas mesas de debate, catro showcases de danza, unha zona de stands de empresas e asociacións do sector, e a asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

FGAE 09

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, e o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, presentaron hoxe o programa que se desenvolverá en cinco espazos de Santiago de Compostela: Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste, Sala Nasa, Salón Teatro e Teatro Principal. Nestes escenarios exhibirase unha mostra da actual oferta escénica galega na que teñen cabida moi diferentes temáticas, estilos e xéneros.

Dúas estreas absolutas

Xunto coas dúas estreas absolutas que se presentan na edición de 2009 -Rosalía, a pulga que escribía, de Galitoon, e Shakespeare para ignorantes, de Mofa e Befa-, unha ampla porcentaxe do resto dos espectáculos en cartel iniciou o seu percorrido polos escenarios nas últimas semanas. É o caso das novas propostas de Lagarta Lagarta, Os Monicreques de Kukas, Sarabela Teatro, Teatro de Ningures, Teatro del Andamio, Teatro do Atlántico e Teatro do Noroeste. Así pois, os profesionais inscritos teñen aquí a oportunidade de tomarlle o pulso á máis recente produción teatral de Galicia.

Entre as montaxes de teatro inseridas nesta programación, hai espazo para os clásicos galegos (Sarabela Teatro sube ás táboas A esmorga, de Eduardo Blanco Amor) e os grandes nomes da escena universal (en Shakespeare para ignorantes, Mofa e Befa recupera as escenas máis ignoradas do gran dramaturgo británico). Así mesmo, a dramaturxia contemporánea está presente a través das adaptacións de recoñecidos autores internacionais (Teatro do Morcego escenificará Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade, do inglés Steven Berkoff, e Teatro do Atlántico, O xogo de Yalta/Afterplay, do irlandés Brial Friel) e de firmas que están a irromper con forza no panorama estatal (O día do pai de Ana Graciani e Gabriel Olivares, por Malasombra Producións; O segredo dos Hoffman de Alejandro Palomas, por Lagarta Lagarta; Atra Bile de Laila Ripoll, por Teatro de Ningures; e Palabras encadeadas de Jordi Galcerán, por Talía Teatro).

A autoría galega contemporánea ocupa tamén un lugar destacado da man dos musicais de Teatro do Noroeste (Glass City. Cidade de cristal, asinado por Eduardo Alonso) e Os Monicreques de Kukas coa Real Filharmonía de Galicia (O castelo da Rocha Vella, a partir dun conto do doutor Luciano García Alén), así como do resto das propostas para público infantil (Teatro del Andamio, con Pingueiras e tarteiras de Teresa González Costa; Títeres Trompicallo, con Violeta Coletas contra as salchichas. Gulp! de Luis González e Marian González; Galitoon, con Rosalía, a pulga que escribía de Andrea Bayer; xunto cos espectáculos de autoría colectiva Bicharada, de Berrobambán Teatro, e Rúa Aire, de O Retrete de Dorian Gray).

A danza conta con tres representantes no programa de exhibición -Entremáns co espectáculo Concerto desconcerto, Javier Martín con ...tabú resOrte (tabú revuelta) e a compañía de Quique Peón con Ovay-, mentres que as propostas de Iván Marcos -Eco- e Nut Teatro -Wake up- inscríbense no ámbito das novas tendencias escénicas.

Acceso gratuíto para o público xeral

Os profesionais acreditados terán reservadas as súas localidades para todos os espectáculos que soliciten, en tanto que o público xeral poderá acceder de xeito gratuíto ás montaxes programadas a partir das 16.00 horas no Auditorio de Galicia, Salón Teatro e Teatro Principal, sempre en función do aforo dispoñible en cada caso. Os despachos de billetes abriranse unha hora antes do comezo do espectáculo.

Como en anteriores edicións, a prioridade desta Feira 2009 é favorecer a presenza das compañías galegas nos carteis que confeccionarán os diferentes teatros, circuítos e festivais para a próxima temporada. Neste aspecto incide directamente o programa de bonificacións á distribución exterior, do que poden beneficiarse todos os programadores de fóra de Galicia acreditados, que chegarán a Santiago dende Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Cataluña, Castela-A Mancha, Castela e León, Madrid, Murcia, País Vasco e Portugal. No caso de que contraten producións galegas durante a celebración da Feira, aplicaráselles un desconto do 40% sobre o caché do espectáculo.

Con estas premisas como punto de partida, a organización da XVII Feira Galega das Artes Escénicas busca revalidar o volume de contratación rexistrado na pasada edición, durante a que se pecharon os contratos para a realización de máis de 140 funcións de 20 espectáculos galegos nun total de 26 cidades de España e Portugal.

A carteleira artística compleméntase cunha serie de actividades paralelas, entre as que destacan dúas mesas de debate nas que se analizarán as estratexias para comunicar os espectáculos aos medios informativos e ao público potencial, e os retos da incorporación dos novos formatos e tendencias ás programacións escénicas.

Mesas de debate

A primeira destas mesas celebrarase o 20 de outubro baixo o título "Extratexias de comunicación de espectáculos. Accións concretas, éxitos e fracasos nos medios informativos". Nela participarán como relatores Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e columnista en varios medios de comunicación; Miguel Piñeiro, director de Atlantis Multimedia, empresa produtora e de servizos de publicidade e asesoramento en técnicas de comunicación e imaxe; José Matos Silva, da Área de Comunicación e Relacións Externas do Teatro Nacional São João do Porto (Portugal); e Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega. Carlos Roma, redactor de Correo TV moderará este foro, mentres que Arantza Villar, actriz dos grupos galegos Nut Teatro e Chévere, será a moderadora da segunda mesa: "Cara ás novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais", que terá lugar o día 21. Neste caso, contarase coas intervencións de Lola Correa, directora artística do Festival ALT de Vigo; Mateo Feijóo, director do Teatro de La Laboral de Xixón; e Pepe Vélez, director artístico de Teatros de Cádiz.

Neste programa paralelo tamén se insiren catro showcases de danza, pezas curtas a través das que se achegará aos programadores unha mostra do traballo que están a desenvolver diferentes formacións e artistas emerxentes da escena coreográfica galega: La Macana con Shure PG48, Pisando Ovos con Tres, Neodans con Nozomi e Kirenia Martínez e Leodán Rodríguez, da compañía Entremans, con A medio metro de lo vivido. O Auditorio de Galicia acollerá o primeiro dos showcases o día 19, mentres que os tres restantes celebraranse do 20 ao 22 de outubro no adro da ARTeria Noroeste.

Fallo dos premios literarios da AGADIC

Así mesmo, e coincidindo coa inauguración da XVII Feira Galega das Artes Escénicas, darase a coñecer o fallo e farase entrega dos tres premios de literatura dramática que convoca anualmente a AGADIC: o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o Manuel María de literatura dramática infantil e o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

O centro neurálxico do evento volve instalarse este ano no Auditorio de Galicia, que repite como sede principal trala positiva experiencia que na edición anterior significou a centralización de gran parte da actividade feiral nun mesmo espazo. Aquí situaranse a oficina de coordinación, dous dos escenarios de exhibición, as mesas de debate, o restaurante e a zona de mercado con 16 stands de asociacións e empresas do sector: Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega, Asociación Profesional Danza Escénica Galega (DANESGA), Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (AGASE), Talía Teatro, Zancalino Produs, Mago Teto, Teatro de Ningures, Pistacatro, Nova Galega de Danza, Teatro do Morcego, Viravolta Títeres, BStudiodanza, Camerata Lírica, Lambríaca e Cabaré3 Producións-Compañía Femme Fatale.

Os detalles deste amplo programa artístico e comercial están dispoñibles na web www.feiradasartesescenicas.com, á que este ano se suma o grupo da Feira Galega das Artes Escénicas na rede social Facebook como nova canle de promoción na Internet.

Ligazóns