Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPAZO QUE XESTIONA O CDG ACOLLERÁ O MUSICAL "GLASS CITY" DE TEATRO DO NOROESTE E AS ÚLTIMAS PRODUCIÓNS DE TEATRE LLIURE, AO CABO TEATRO, MARTA CARRASCO E LAGARTA LAGARTA

A carteleira do Salón Teatro ofrecerá 34 funcións de teatro e danza a cargo de 15 compañías ata fin de ano

[06/10/2009] O Salón Teatro de Santiago inicia a súa temporada escénica 2009-2010 cun novo ciclo de programación trimestral que dará cabida a un total de 34 funcións de teatro e danza desenvolvidas por 15 formacións artísticas. O musical Glass City (Cidade de Cristal) da compañía galega Teatro do Noroeste inaugura mañá esta carteleira, na que tamén sobresaen os espectáculos Nixon-Frost de Teatre Lliure, Jardim Zoológico de Cristal de Ao Cabo Teatro, Dies Irae. En el Réquiem de Mozart da Compañía Marta Carrasco e O segredo dos Hoffman de Lagarta Lagarta. Ademais, o espazo que xestiona o CDG volverá acoller un ano máis a Feira Galega das Artes Escénicas, o Festival Cineuropa e a Mostra de Teatro Infantil de Nadal.

Presentacion Glass City

Teatro do Noroeste abre o novo calendario de exhibición do 7 ao 18 de outubro con 12 funcións de Glass City (Cidade de Cristal), produción de gran formato que se presenta en Santiago precedida do éxito de público e crítica logrado na súa recente estrea en Ferrol. A acción, ambientada na Coruña de 1958, transcorre durante as vacacións da familia Franco no Pazo de Meirás. Así, o concurso de cancións Trampolín de estrelas, a chegada da música moderna grazas ás jukebox ou un plan para atentar contra o xeneral Franco son algúns dos feitos que forman parte da trama.

Eduardo Alonso é o autor e director desta obra con música en directo e interpretada por Maxo Barjas, Xan Casas, Monti Castiñeiras, Christian Escuredo, Xavier Estévez, Luma Gómez, Fernando González, Brandán Lourenzo, Julia Méndez, Brais Morán, Carlos Mosquera Mos, Ramón Orencio, Julia Sánchez e Fernando Tato. Bernardo Martínez encárgase da composición e da dirección musical, Chedes Súarez asina a coreografía e Paco Conesa a escenografía e vestiario.

Funcións escolares e para público xeral

Teatro do Noroeste ofrecerá catro funcións escolares de Glass City (os días 7, 8, 14 e 15, ás 10.30 horas) e oito para público xeral os días 8, 9, 10, 11, 15, 16, 17 e 18 de outubro (de xoves a sábado, ás 20.30 horas e os domingos, ás 18.00 horas).

Trala celebración da Feira Galega das Artes Escénicas -no marco da que o Salón Teatro volverá ofrecer un novo pase de Glass City (día 19) xunto coas últimas propostas de Nut Teatro (Wake Up, día 20), Cía. Quique Peón (Ovay, día 21) e Sarabela Teatro (A esmorga, día 22)-, a programación continuará os días 24 e 25 de outubro con máis teatro. Así as cousas, a crítica política chega a este escenario compostelán da man do Teatre Lliure e dun texto do guionista e dramaturgo británico Peter Morgan. Baixo a dirección de Álex Rigola, a compañía catalá presentará o unplagged escénico Nixon-Frost, baseado nun dos momentos televisivos máis significativos de todos os tempos: cando en 1977 o presentador David Frost consegue que o ex-presidente estadounidense Richard Nixon pida desculpas publicamente pola súa implicación no caso Watergate.

A continuación, os días 31 de outubro e 1 de novembro a compañía portuguesa Ao Cabo Teatro escenificará a montaxe Jardim Zoológico de Cristal, versión da obra de Tennesse Williams con dirección de Nuno Cardoso, quen recunca no Salón Teatro tras dirixir para o CDG a primeira produción da pasada temporada, A boa persoa de Sezuán. Como actividade paralela ás dúas funcións, o director portugués impartirá un workshop para actores e actrices profesionais distribuído en dúas sesións: o sábado 31, de 14.00 a 18.00 horas e o domingo 1, de 11.00 a 14.00 horas.

Venda anticipada de entradas

As entradas para todas as representacións do mes de outubro xa están á venda na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e a través do teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do teatro, que estará aberto todos os días de función dende dúas horas do comezo do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Un ano máis, o Salón Teatro será unha das sedes do festival Cineuropa con sesións diarias do 2 ao 15 de novembro. O cine dará paso a unha residencia artística de Matarile Teatro, que finalizará o martes 24 de novembro cun ensaio aberto ao público da súa vixésimo quinta produción, Cerrado por aburrimiento. Como é habitual nas producións da compañía galega, a creación e dirección será de Ana Vallés, e a iluminación e escenografía estará asinada por Baltasar Patiño. Ademais, un elenco de 8 intérpretes, entre actores, bailaríns e unha violista, traballarán nesta montaxe que parte dunha pregunta ("que importa a quen?") e dunha posición á defensiva ante o aburrimento, a repetición, os críticos de teatro e os manifestos en xeral.

Danza con Marta Carrasco

Os días 28 e 29 de novembro presentarase a peza Dies Irae. En el Réquiem de Mozart, a cargo da compañía de danza de Marta Carrasco. Desde a irreverencia, a furia e o desafío, a nova coreografía da creadora catalá mergúllase no culto fúnebre. Guiados pola célebre obra do compositor austríaco, un total de trece intérpretes -seis deles residentes en Madrid, e os outros sete en Barcelona- escenificarán a "debilidade da verdade" mentres abren un pano fronteirizo, símbolo da aposta persoal de Marta Carrasco por enlazar as dúas cidades.

Xa en decembro, a Aula de Teatro da Universidade de Santiago estreará o espectáculo As cuñadas, de Michel Tremblay, baixo a dirección de Roberto Salgueiro (día 16) e a compañía compostelá Lagarta Lagarta escenificará os días 17, 18, 19 e 20 a súa nova produción, O segredo dos Hoffmann. Protagonizada polos actores Ernesto Chao, Belén Constenla, Xosé Barato e Rebeca Montero, Rosa Álvarez dirixe esta montaxe a partir da adaptación que Roberto Salgueiro fixo da novela homónima de Alejandro Palomas, finalista do Premio Torrevieja 2008.

A carteleira de 2009 pecharase coa Mostra de Teatro Infantil de Nadal, dentro da que se exhibirán do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos: El sable y la paloma, de A Priori Producciones (día 26); Os Bolechas, de Caramuxo Teatro (día 27); Flexelf, de Ángels Margarit / Cía. Mudances (día 28); Mãos Grandes, de Teatro Montemuro (dous pases o día 29) e Violeta Coletas contra as Salchichas Gulp, de Trompicallo Teatro (día 30) son as propostas que se inclúen na próxima edición desta xa consolidada cita anual co teatro para nenos e nenas.

Nova produción do CDG

O CDG compatibilizará a xestión desta nova programación do Salón Teatro cos traballos de produción propia e os ensaios, a partir do 15 de novembro, do que será o seu primeiro espectáculo da temporada 2009-2010: As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño e con dirección de Xúlio Lago, que será estreado o 15 de xaneiro.

Ademais, e coincidindo coa inauguración da nova temporada escénica, o Salón Teatro estrea unha páxina na rede social Facebook como nova ferramenta de promoción: http://gl-es.facebook.com/pages/Salon-Teatro/144985183321?ref=ts

Documentación