Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

FERNÁNDEZ FASERO ANUNCIA QUE O TEXTO SERÁ LEVADO A ESCENA POLA COMPAÑÍA GALEGA ACONTRABUTACA, NUN PROXECTO AO QUE A AGADIC ACHEGARÁ 24.000 EUROS

A AGADIC e Baía Edicións coeditan a titiriópera "O punto da escarola", de Xosé A. Neira Cruz

[05/10/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo e Baía Edicións coeditaron O punto da escarola, de Xosé A. Neira Cruz, título co que o autor obtivo en 2008 o VI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques. A obra, que se presenta como unha "Titiriópera en tres actos", é un divertimento teatral especialmente dirixido á procura da complicidade dos nenos e nenas mediante a utilización do imaxinario infantil, ao tempo que rende unha homenaxe implícita á profesión de titiriteiro.

O punto da escarola

Nunha coidada edición, na que destacan as ilustracións realizadas por Marcos Calo, O punto da escarola conta, en clave de humor e ao longo de 50 páxinas, as vicisitudes do Mestre Choupín, un saltón músico que percorre todos os recantos da horta para representar os seus espectáculos. Neste caso, Choupín e outros 11 personaxes (unha chinche, unha abella, un grilo, unha barbantesca, un picapaus, unha xoaniña e varias formigas) contribúen a poñer o punto final ao argumento dunha ópera chamada a ser representada no Salón do Trono do Real Formigueiro da Horta.

A presentación do libro tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela como actividade complementaria do Festival Galicreques que se celebra estes días na capital de Galicia. No acto participaron Juan Carlos Fernández Fasero, director da AGADIC; Belén López, directora de Baía Edicións; Jorge Rey, presidente da Asociación Cultural Barriga Verde; e o autor, Xosé A. Neira Cruz.

Estrea nos escenarios

Fernández Fasero anunciou que O punto da escarola será levado ás táboas pola compañía galega Acontrabutaca S.L., mediante un proxecto escénico que resultou beneficiado con 24.000 euros na última convocatoria de axudas á produción resolta pola AGADIC, concretamente na modalidade dedicada á nova creación.

A obra, da que o xurado do Barriga Verde valorou a plasticidade do texto, o enxeño dos diálogos, o gran sentido do humor e a intelixente utilización da música, cumprirá deste xeito o seu ciclo completo de difusión ao ser estreada diante do público na próxima temporada escénica.

O punto da escarola fai o número 6 da Colección Barriga Verde, que mantén aberta a AGADIC en colaboración con Baía Edicións para publicar os textos galardoados no certame homónimo que convoca anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais. O devandito premio, creado en 2003 co obxectivo de incentivar a escrita de textos dramatúrxicos para levar a escena mediante títeres, contempla dúas modalidades: infantil e para adultos. Tanto o título do galardón como o da serie editorial fan referencia ao mítico personaxe inmortalizado polo artista de orixe pacense José Silvent, considerado precursor do teatro de monicreques en Galicia e fundador do guiñol popular galego.

Outros títulos publicados nesta mesma colección son O afundimento do Tiránic, de Breogán Riveiro; Misterio en Guernica, de Xosé Manuel Fernández Castro; O soñador, de Gabriel Castilla; Cataventos e compañía, de Celia Díaz; e Cucho, coco e o dilema do seis, de Tino Antelo.