[03/10/2006] A Rede Galega de Teatros e Auditorios, da que forman parte unha vintena de espazos escénicos de 14 concellos pontevedreses, vén de inaugurar os programas Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica como paso previo á posta en marcha dun novo modelo organizativo baseado no desenvolvemento de programacións específicas de teatro, música, danza, maxia e monicreques. Así, no marco deste circuíto de exhibición de espectáculos que promove o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellería de Cultura e Deporte, a provincia de Pontevedra acollerá neste segundo semestre do ano un total de 110 funcións, das que 8 corresponden ao programa Rededanza, 7 a Redesons Jazz e 4 a Redesons Clásica.
A Rede iniciará en xaneiro de 2007 unha nova etapa, trala conclusión dun proceso de reforma no que están a participar os diferentes sectores implicados (asociacións escénicas, programadores culturais e IGAEM). Neste momentos, enfronta pois a recta final da súa reformulación, a través da que busca consolidarse como un circuíto de espazos de exhibición, no seo do que se desenvolverán programacións concretas dedicadas aos distintos xéneros escénicos e musicais, cada unha delas con requirimentos e orzamentos diferenciados. Esta atención especializada pretende que a danza, a música, os monicreques e a maxia conten cun espazo crecente nunha oferta de espectáculos que até o de agora se centraba basicamente no teatro de actor.
Neste sentido, configuráronse Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica que, neste segundo semestre do ano, complementan o cartel xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, integrada por 45 concellos e entidades de toda Galiza. A incorporación destas tres novas programacións supón un volume de contratación global de 263.340,62 € (148.047.31 € a cargo do IGAEM e 115.297,31 €, dos concellos participantes), que vén sumarse ao investimento total de 609.587,42 € destinado á programación xeral durante este mesmo período.
CALENDARIO DE ACTUACIÓNS
A cidade de Pontevedra acollerá un total de 9 funcións da Rede entre os meses de xullo e decembro. Até finais de ano, as actuacións pendentes terán lugar no Pazo da Cultura (Nova Galega de Danza, con Engado, o día 28 de outubro ás 21.00 h.) e no Teatro Principal (Fulano, Mengano e Citano, con O Faro, o 9 de novembro ás 11.30 horas e o 10 de novembro ás 20.30 h.; e Mofa e Befa con Sempre ao lonxe, os días 23 e 24 de novembro).
Canto ás programacións específicas, Rededanza –inaugurada en setembro en Vilagarcía– desenvolverase en 9 escenarios galegos, entre os que figura tamén o Auditorio Municipal de Cangas coas representacións dos espectáculos Alonso Quijano El Bueno, de DaTe Danza, o vindeiro sábado día 7; Meltemi, de Experimenta Danza (día 14 de outubro); En la cuenca de tus ojos, de Inquedanza (día 21) e N8 OHX, de Pisando Ovos (día 28).
Un total de 17 grupos galegos conforman o cartel de Redesons Jazz, que se celebra en 9 concellos, entre eles os de Gondomar e Vilagarcía de Arousa. Así, o Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar –onde foi inaugurado este programa o pasado día 30– acollerá este sábado, ás 22.30 horas, a actuación de Miki Nervio & The Bluesmakers, e o día 11, á mesma hora, a de Anacaona Latin Jazz. O Auditorio Municipal de Vilagarcía será o escenario para Monkillos (26 de outubro, ás 21.00 h.), Abe Rábade Jazz (4 de novembro), Carlos Segovia (18 de novembro) e Distrito Latino (25 de novembro), con funcións ás 21.00 horas en todos os casos. Pola súa banda, Redesons Clásica celebrarase a partir do 11 de outubro en 8 localidades, entre as que tamén se atopa Vilagarcía: No Ceo (3 de novembro), Coruña Brass (12 de novembro), Il Vechio Borgio (24 de novembro) e Sexteto de Corda No Mar (9 de decembro).
Xunto cos municipios xa citados, tamén forman parte da Rede de Teatros e Auditorios os concellos pontevedreses de Cambados, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Silleda, Tui, Vigo e Vilanova, así como o Centro Cultural Caixanova de Vigo.
AMPLIACIÓN DE OBXECTIVOS
A Rede, que celebrou a súa primeira programación hai agora dez anos, encamíñase cara a un novo modelo de funcionamento e xestión que suporá un fondo cambio tanto na súa concepción como nos seus obxectivos. Así, o nova circuíto buscará potenciar o mercado galego das artes escénicas, apoiando a súa presenza e visibilidade social, traballando na captación de públicos, promovendo a formación na xestión cultural aplicada ás programacións e incrementando o volume total de contratación. A creación dunha páxina web propia, a posta en marcha de billeteiras electrónicas, a xestión a través dunha intranet e a realización de estudos periódicos serán algunhas das actuacións que se desenvolverán neste sentido.
Trátase, así mesmo, de lograr unha Rede máis dinámica, aberta aos diferentes xéneros artísticos a través de programacións especializadas, que se converta en referente para a distribución e exhibición das artes escénicas e musicais galegas. Con este fin, a Comisión Técnica de Reforma traballa na concreción das normas de funcionamento que se aplicarán a partir de xaneiro e que serán presentadas proximamente ao conxunto dos axentes das artes escénicas e musicais de Galiza cara á súa aprobación definitiva.