Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CELEBRARANSE SENLLAS MESAS REDONDAS DENTRO DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES PARALELAS DO ENCONTRO, QUE TERÁ LUGAR EN SANTIAGO DO 19 AO 23 DE OUTUBRO

A Feira debaterá sobre estratexias para a comunicación de espectáculos e programación de novas tendencias

[02/10/2009] A Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebrará do 19 ao 23 de outubro en Santiago de Compostela, acollerá senllos debates sobre estratexias de comunicación de espectáculos e sobre programación de novos formatos escénicos. Estas mesas redondas forman parte do programa de actividades paralelas desta nova edición do encontro organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais, no que tamén se insiren catro showcases de danza e unha zona de mercado con 16 stands de empresas e asociacións do sector.

Imaxe Feira 2009

A primeira das mesas de debate celebrarase o 20 de outubro no Auditorio de Galicia baixo o título "Extratexias de comunicación de espectáculos. Accións concretas, éxitos e fracasos nos medios informativos". Nela intervirán como relatores Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e columnista en varios medios de comunicación; Miguel Piñeiro, director de Atlantis Multimedia, empresa produtora e de servizos de publicidade e asesoramento en técnicas de comunicación e imaxe; José Matos Silva, da Área de Comunicación e Relacións Externas do Teatro Nacional São João do Porto (Portugal); e Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega. Carlos Roma, redactor de Correo TV será o encargado de moderar este foro, que servirá para o intercambio profesional entre as experiencias deseñadas especificamente para promover a actividade escénica e os seus resultados finais, cun especial fincapé no seu reflexo nos medios informativos.

Novos formatos escénicos

Arantza Villar, actriz dos grupos galegos Nut Teatro e Chévere, moderará a segunda das mesas, "Cara ás novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais", que terá lugar o día 21. Co obxectivo de valorar e idear fórmulas de integración das disciplinas máis innovadoras e arriscadas nas programacións escénicas, contarase coas intervencións de Lola Correa, directora artística do Festival ALT de Vigo; Mateo Feijóo, director do Teatro de La Laboral de Xixón; e Pepe Vélez, director artístico de Teatros de Cádiz.

O programa de actividades paralelas complétase con catro showcases de danza, pezas breves a través das que se quere achegar aos programadores asistentes unha mostra do traballo que realizan diferentes artistas e compañías emerxentes da escena coreográfica galega: La Macana con Shure PG48, Pisando Ovos con Tres, Neodáns con Nozomi e Kirenia Martínez e Leodán Rodríguez, de Entremáns, con A medio metro de lo vivido. O primeiro dos showcases celebrarse o día 19 no Auditorio de Galicia, mentres que os tres restantes terán lugar do 20 ao 22 de outubro no adro da ARTeria Noroeste.

Esta programación complementa o cartel artístico da Feira 2009, que exhibirá as últimas propostas de 20 compañías galegas de teatro e danza en cinco espazos da cidade: Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste, Sala Nasa, Salón Teatro e Teatro Principal. Máis de 130 programadores, distribuidores e produtores do sector escénico procedentes de diferentes puntos da Península teñen confirmada a súa asistencia ao evento, durante o que os representantes de teatros, auditorios e festivais de fóra de Galicia poderán beneficiarse, ademais, do programa de bonificacións á contratación de espectáculos galegos.

Ligazóns