Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MOSTRA, NA QUE ESTARÁ ACOMPAÑADA DAS BAILARINAS JANET NOVÁS E ANDREA QUINTANA, TERÁ LUGAR MAÑÁ DÍA 1 ÁS 19.00 HORAS NA NAVE DA AGADIC

Rut Balbis presenta en Santiago a peza "Tres" como artista residente do Centro Coreográfico Galego

[30/09/2009] A coreógrafa e bailarina Rut Balbis, artista residente do Centro Coreográfico Galego (CCG) co proxecto Tres, presentará mañá xoves 1 de outubro en Santiago o resultado deste proceso creativo no marco dunha mostra aberta aos profesionais e público interesados que terá lugar a partir das 19.00 horas na nave da AGADIC no Polígono Costavella (Rúa Polonia, nº 30). Trala interpretación da peza, na que Balbis estará acompañada polas bailarinas Janet Novás e Andrea Quintana, abrirase un coloquio entre os artistas e os asistentes.

Tres

Durante este mes de residencia artística en Compostela, na que tamén contou coa colaboración do deseñador de iluminación Afonso Castro, Balbis e os seus colaboradores desenvolveron un traballo de investigación e creación coreográfica arredor do tema da muller que culminará nun espectáculo -tamén baixo o título Tres- a cargo da súa compañía, Pisano Ovos. O Pazo de Cultura de Narón acollerá a estrea o vindeiro 31 de outubro.

Proposta interdisciplinar

O xerme do proxecto é a exploración das posibilidades e límites do corpo a través da combinación de diferentes disciplinas que van dende a acrobacia ata o movemento máis minimalista, pasando polas técnicas de improvisación e de contacto. O fío condutor da posta en escena son os encontros e desencontros de tres mulleres, coas súas individualidades e os seus puntos en común, para dar lugar a unha mensaxe final que o espectador descodificará segundo as súa propias experiencias.

Licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Rut Balbis formouse en danza contemporánea con creadores como Andrés Corchero, Hisako Horikawa, Daniel Abreu ou Damián Muñoz, realizando ademais o One Year Certificate londiniense en danza contemporánea.

Dende 2005 desenvolve a súa traxectoria profesional á fronte da compañía Pisando Ovos, coa cal estreou varias montaxes como N8 OHX, No intre 1800 -que obtivo o primeiro premio no Certame Coreográfico de Madrid-, e 30.000, dirixida por Damián Muñoz e coproducida polo Centro Coreográfico Galego. Participou en algúns dos máis destacados festivais nacionais e internacionais como Escena Contemporánea, Dansa Valencia, o TAC de Valladolid, o SAT de Barcelona, o Bassano Festival de Italia e o Mov-s. Actualmente é tamén profesora na Aula de Teatro e Danza da Universidade da Coruña.