AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O DIRECTOR DA AGADIC ANUNCIA A PRESENZA DA MÚSICA GALEGA NO WOMEX DE COPENHAGUE E NA BAFIM DE BOS AIRES

Comeza o circuíto RGMV&OuTonalidades con senllos concertos en Bueu e Amarante

[23/09/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo, a asociación galega Clubtura e a d’Orfeu Associação Cultural colaboran por segundo ano consecutivo na organización do programa de intercambio musical entre a Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e o circuíto portugués OuTonalidades, no marco do que 11 grupos galegos de diferentes estilos (blues, jazz, folk fusion, rock, etc.) actuarán en Portugal e 6 bandas portuguesas tocarán en Galicia.

A programación, que ofrecerá un total de 47 concertos en 20 localidades galegas e portuguesas até finais de decembro, foi presentada hoxe en Santiago por Juan Carlos Fernández Fasero, director da AGADIC; Francisco López-Barxas, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura; Luis Fernandes, da d’Orfeu; David Quintanilla, vicepresidente de Clubtura e Samuel Rego, delegado en Galicia do Instituto Camões.

Nun acto que contou coa interpretación musical de Aló Django, unha das formacións galegas incluídas neste ciclo, os representantes da Consellería de Cultura resaltaron a conveniencia deste tipo de iniciativas a prol da expansión da música galega e compremeteron o seu apoio para que o traballo dos músicos poida medrar profesionalmente e divulgarse nas mellores condicións.

Womex e BAFIM

Fernández Fasero anunciou neste sentido que, como obxectivos inmediatos dentro da política de internacionalización da nosa música está a organizarse a presenza dunha importante representación de empresas e artistas nas dúas próximas citas internacionais para o sector que se celebrarán en 2009: o Womex (World Music Expo), que este ano se traslada de Sevilla a Copenhague e que se desenvolverá do 28 de outubro ao 1 de novembro; e a BAFIM (Buenos Aires Feria Internacional de Música), que terá lugar na capital arxentina do 19 ao 22 de novembro.

Apuntou tamén que a AGADIC traballa para este fin nunha nova fórmula operativa máis eficaz para a asistencia a ambos eventos xunto a Agaphono (Asociación galega de Produtoras Musicais) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais).

25 actuacións en Portugal e 22 en Galicia

Grazas ao circuíto RGMV & OuTonalidades, os grupos galegos Aló Django, Banda Potemkin, Bukowski Blues Trío, Carmen Dor, Coanhadeira, De Outra Margem, Lamatumbá, Modulok Trío, Portrait, Som do Galpom e Son+D2 protagonizarán un total de 25 actuacións no país veciño, mentres que os portugueses Comcordas, Olivetree, Samasati, Sofia Ribeiro, Taberna Revisitada e Uxu Kalhus realizarán 22 recitais en Galicia.

Tanto en Galicia como en Portugal, o calendario de actuacións dá comezo este venres 25 de setembro. O programa portugués percorrerá 11 dos locais que durante o próximo outono acollerán a décimo terceira edición de OuTonalidades, circuíto musical que promove a asociación d’Orfeu no país veciño. O ciclo principiará este venres coa presentación de Som de Galpom na Casa da Juventude de Amarante e continuará até o 19 de decembro, visitando tamén Águeda (Espaço d’Orfeu), Aveiro (Mercado Negro), Chaves (Sala Multiusos), Estarreja (Bar do Cine-Teatro), Évora (Espaço Celeiros), Fundão (Casa da Moagem), Ovar (Café-Concerto do Centro de Arte), Porto (Contagiarte), Tondela (Bar do Novo Ciclo Acert) e Torres Novas (Café Teatro Virginia).

En Galicia, a programación inaugurarase igualmente o 25 de setembro cun concerto da banda portuguesa Taberna Revisitada na sala Aturuxo de Bueu. O cartel estenderase até o 5 de decembro por outros 9 espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, que a AGADIC promove en colaboración coa asociación Clubtura: Jazz Vides da Coruña, Pub D’Antón Rock Café da Laracha, Café-Cultural Roi Xordo de Allariz, Sala Run Rum de Ferrol, o Náutico do Grove, Clavicémbalo de Lugo, Pub Gatos de Melide e Auriense Café Cultural de Ourense.

Documentación