Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 17 ESPECTÁCULOS GALEGOS DE TEATRO E 3 DE DANZA CONFORMAN O CARTEL ARTÍSTICO QUE SE EXHIBIRÁ EN CINCO ESPAZOS DE SANTIAGO

Máis de 130 de profesionais teñen confirmada a súa asistencia á Feira Galega das Artes Escénicas

[11/09/2009] Máis de 130 programadores, distribuidores e produtores do sector escénico procedentes de diferentes puntos da Península teñen confirmada ata o momento a súa asistencia á Feira Galega das Artes Escénicas 2009, que organiza a AGADIC do 19 ao 23 de outubro en Santiago de Compostela. Un total de 20 espectáculos -11 de teatro para adultos, seis de teatro para público infantil e tres de danza- doutras tantas compañías galegas configuran o cartel artístico desta nova edición, que se complementará cun programa de actividades paralelas que inclúe dúas mesas de debate, showcases de danza e unha zona de mercado con stands de asociacións e empresas escénicas.

A organización última xa os preparativos da que será a décimo sétima edición da Feira, ao tempo que mantén aberto até o vindeiro día 13 o prazo de inscrición dos profesionais interesados en acudir a esta cita co sector escénico galego, que se desenvolverá en cinco espazos da cidade: Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste, Sala Nasa, Salón Teatro e Teatro Principal.

Compañías seleccionadas

As compañías e montaxes de teatro adulto seleccionadas este ano son Talía Teatro con Palabras encadeadas, Lagarta Lagarta con O segredo dos Hoffman, Sarabela Teatro con A esmorga, Teatro do Morcego con Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade, Mofa e Befa con Shakespeare para ignorantes, Teatro do Atlántico con O xogo de Yalta. Afterplay, Teatro do Noroeste con Glass City (cidade de cristal), Teatro de Ningures con Atra Bile, Iván Marcos con Eco, Nut Teatro con Wake up e Malasombra Producións con O día do pai.

Canto ao teatro infantil, Teatro del Andamio intervirá co espectáculo Pingueiras e tarteiras, Galitoon Productions con Rosalía, a pulga que escribía, Os Monicreques de Kukas con O castelo da Rocha Vella, Berrobambán Teatro con Bicharada, Títeres Trompicallo con Violeta Coletas contra As Salchichas Gulp e O Retrete de Dorian Gray con Rúa Aire.

O apartado de danza, dentro do que Entremans amosará Concerto desconcerto, Quique Peón Cía representará Ovay e Javier Martín interpretará …tabú resOrte (tabú revuelta)…, completarase coa exhibición de varias curtas de danza, tamén a cargo de compañías galegas.