Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS 14 ACTORES E ACTRICES COMEZARÁN OS ENSAIOS O 9 DE NOVEMBRO PARA ESTREAR EN COMPOSTELA O 15 DE XANEIRO DE 2010

O Centro Dramático Galego producirá o espectáculo "As actas escuras" nos prazos previstos

[10/09/2009] O Centro Dramático Galego (CDG) iniciará o próximo día 9 de novembro os ensaios da súa seguinte montaxe, As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño baixo a dirección de Xúlio Lago, espectáculo que será estreado o 15 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Así o ratificou hoxe o director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos Fernández Fasero, diante dunha nutrida representación do equipo artístico da montaxe á que reiterou que a única postura da institución fora sempre a realización do proxecto nas datas previstas.

Fasero aclarou explicitamente que, en contra do manifestado publicamente pola AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), en ningún momento se tomou en consideración a posibilidade de paralización da posta en escena, que continúa nestes días o seu proceso de preprodución segundo os únicos prazos inicialmente previstos e co mesmo plantel de dirección e interpretación co que fora concibida.

Dos 14 integrantes do elenco de As actas escuras, os que acudiron hoxe a unha reunión co director de AGADIC foron Xosé Manuel Olveira "Pico", César Rodríguez "Goldi", Xoán Cejudo, Ricardo de Barreiro, X. Carlos Mejuto, Fernando Morán, Teté García e César Cambeiro. Todos eles, con Xúlio Lago á fronte, declaráronse satisfeitos coa ratificación do acordado coa anterior dirección do Centro Dramático Galego.

As actas escuras, Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992, abrirá así a temporada de produción do CDG no vindeiro ano xubilar de 2010. Como é habitual, o espectáculo permanecerá por tempo dun mes no Salón Teatro de Santiago de Compostela para continuar despois a súa distribución por distintos escenarios da xeografía galega.