AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

COMPLÉTASE A RESOLUCIÓN DAS SUBVENCIÓNS AO SECTOR AUDIOVISUAL PARA 2009, AGÁS AS DE CONCESIÓN AUTOMÁTICA PARA AS QUE CONTINÚA ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE

A AGADIC apoia a produción de 14 curtametraxes e videoclips galegos con 200.000 euros en axudas

[03/09/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais aprobou a adxudicación dun total de 200.000 euros para a produción de 14 curtametraxes e videoclips galegos a través dunha das seis liñas de axuda ao sector audiovisual convocadas este ano pola entidade da Consellería de Cultura e Turismo. Xunto con esta resolución, tamén se fixo pública a concesión de 500.000 euros para desenvolver 22 proxectos audiovisuais e de 350.000 euros para 19 propostas de desenvolvemento ou produción de contidos interactivos en lingua galega, importes que en ambos casos distribuiranse en dúas anualidades.

Con esta segunda quenda de adxudicacións, complétase a distribución dun 91,3% do orzamento global destinado ás convocatorias de subvencións ao sector audiovisual galego en 2009 (6.300.000 euros dun total de 6.900.000), á espera de que o vindeiro 15 de outubro finalice o prazo de solicitude na categoría de axudas de concesión automática. A primeiros de agosto xa foran publicadas as resolucións das modalidades con maior dotación económica: 4.850.000 euros destinados á produción e coprodución de 31 longametraxes e documentais en lingua galega ao longo de catro anualidades, e outros 400.000 euros dirixidos á promoción do talento audiovisual galego a través do apoio a 48 propostas de creación individual para a escrita de guións e para a realización de longametraxes e curtametraxes en soporte dixital, así como de curtas experimentais.

Obras dixitais, de animación e innovadoras

No que respecta ás axudas á produción de curtametraxes en versión orixinal galega e de videoclips, convocadas co obxectivo de apoiar a novos creadores galegos, impulsar a incorporación das novas tecnoloxías e promover o uso do galego nas obras audiovisuais, un total de 13 produtoras recibiran apoio económico para realizar 14 proxectos: 125.000 euros corresponden aos cinco beneficiarios na categoría de animación en soporte cinematográfico, 27.629 euros a dúas curtametraxes en soporte dixital, 30.000 euros a tres curtas de carácter innovador ou experimental rodadas tamén en dixital, e 17.371 euros a catro videoclips.

Ademais, outras 21 produtoras independentes beneficiaranse das subvencións para o desenvolvemento de 22 proxectos audiovisuais en lingua galega nas súas diferentes modalidades, de xeito que se apoian 10 longametraxes de ficción cun total de 235.663,89 euros, tres longametraxes documentais (65.321,7 euros), catro películas para televisión (108.490,52 euros), dous proxectos de programas de televisión nun formato innovador (48.350 euros) e tres pilotos de series televisivas (42.173,89 euros).

Fase de preparación de proxectos

A través desta liña de axuda, a AGADIC busca fomentar unha das fases esenciais na realización dunha obra audiovisual, entendendo por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións previas aos procesos de preprodución e produción (adquisición de dereitos, traballo de investigación, escrita e análise do guión, selección do equipo artístico e técnico, preparación do orzamento estimado, procura de socios, etc.) A contía total destinada a esta categoría, a de maior dotación das tres resoltas nesta segunda quenda de adxudicacións, distribuirase en dúas anualidades (250.000 euros en 2009 e outros 250.000 en 2010).

Polo que respecta ás subvencións para contidos interactivos -destinados a internet, televisión dixital interactiva, consolas de videoxogos e dispositivos móbiles-, un total de 263.182 euros destínase á produción de 11 proxectos, mentres que 86.818 euros corresponden a oito propostas de desenvolvemento deste tipo de contidos. Do mesmo xeito que no caso anterior, o importe total distribúese entre 2009 (200.000 euros) e 2010 (150.000 euros).

Ligazóns