AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O ESPECTÁCULO DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO VISITARÁ TAMÉN CARBALLO E O BARCO

"A cabana de Babaiagá" inicia en Ourense unha nova serie de funcións escolares

[03/10/2006] O Centro Dramático Galego (CDG) presenta en Ourense do 4 ao 6 de outubro un total de seis funcións de A cabana de Babaiagá, espectáculo de música e narración oral para público infantil que dirixe Paula Carballeira. O Teatro Principal acollerá á compañía os días 4 e 5 de outubro ás 10.00 e 12.00 horas; así como o día 6 ás 11.00 e 20.30 horas. Ás funcións matinais asistirán escolares de ensino primario de distintos centros próximos, en tanto que á ultima representación poderá acceder o público xeral.

CDG: A cabana de Babaiagá

Esta produción, pertencente á anterior temporada escénica 2005-2006, inicia en Ourense unha nova serie de representacións, que a levará en datas próximas a Carballo (do 9 ao 11) e o Barco de Valdeorras (do 17 ao 20 de outubro), despois de ter visitado escenarios de Ferrol, Ribadeo, Muros, Santiago, Oleiros e Viveiro.

O espectáculo diríxese a nenas e nenos de entre 6 e 11 anos, aos que se lles presenta un espectáculo no que a historia de dous personaxes, a rapaza Natasha e a bruxa Babaiagá –os dous encarnados por Paula Carballeira–, discorre en paralelo á interpretación en directo dunha selección de pezas musicais de compositores do leste europeo que realizan Alfredo Gómez (clarinete), Alexandre Lugo (viola), Yuri Sdar (baixo acústico), Manolo Vázquez (frautas, gaita, xilófono, percusión) e Vadzim Yujnevich (baian).

A cabana de Babaiagá fálanos doutras terras, doutros costumes e de como a valentía e a loita por rachar límites e por se introducir no terreo do descoñecido ten a súa recompensa nunha aprendizaxe que permite coñecermos un pouco máis. O misterio, o humor e a aventura son algúns dos atractivos deste conto, potenciados pola interpretación musical en escena que recrea unha atmosfera evocadora que intenta levar aos espectadores até a estepa rusa mediante a imaxinación e o poder suxestivo das palabras e das melodías.

MÁIS DE 8.000 ESPECTADORES

O CDG persegue con esta produción a captación de público infantil para os espectáculos teatrais. De feito, máis de 8.000 nenas e nenos presenciaron xa a montaxe sobre a que despois incidiron nas aulas coa axuda da unidade didáctica específica publicada, obra de Nate Borrajo e con ilustracións de Pablo Otero, por medio da que se fai fincapé nos contidos educacionais transversais que contén o texto.