[26/08/2009] Borja Fernández e Uxía P. Vaello amosarán mañá os primeiros resultados do seu proxecto Rewind, traballo de creación escénica que están a desenvolver dentro do programa Artistas en Residencia do Centro Dramático Galego (CDG) e que compartirán co público e cos profesionais interesados a partir das 19.00 horas na nave da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) no compostelán polígono de Costa Vella (Rúa Polonia, nº 30).
Rewind constitúe un paso adiante na investigación conxunta destes dous artistas multidisciplinares, a través do que afondan na liña de traballo experimental que iniciaran con Play -a súa primeira produción conxunta- na procura de diferentes sistemas para o encontro de material escénico. Así, o proceso de creación artística é o eixo central deste novo proxecto, para o que contan ademais coas achegas como colaboradores do actor e director teatral Xan Cejudo, na asesoría dramatúxica, do iluminador Alfonso Castro e do artista plástico colombiano Ricardo Ramírez.
Solo de teatro-danza
O obxectivo final deste proceso creativo é o desenvolvemento dun solo de teatro-danza que xira arredor do pasado como fantasía do presente, de como a percepción e posterior descrición das cousas que existiron dalgunha maneira dan lugar no momento presente a fantasías, ilusións e contos de fadas.
Intérprete autodidacta, Borja Fernández é cofundador da compañía de novo circo Pistacatro e integrante do grupo de música experimental Es Un Árbol. En 1999 funda xunto con Marta Pazos a compañía Belmondo, coa cal actúa nas pezas Lolamento (I'm zorry); Sidecar, dirixida por Carlos Santiago; e Jean Paul, baixo a dirección de Montse Triola. Traballa tamén con compañías e profesionais do teatro e da música como Teatro Ensalle, Chévere Teatro, Arrepentimentos de Padrón, Avelino González, Carlos Santiago, Fran Pérez, Trigo Limpo-Teatro Acert (Portugal), así como coas bailarinas e coreógrafas Mercé de Rande e Uxía P. Vaello.
Participa activamente en accións como Ultranoites (cabarés colectivos da Sala Nasa, en Compostela) ou eventos da Asociación de Novo Circo e Cabaré Galega Pista Cinco: Festas do Circo e o Festival d´Gorra, entre outros. Para o CDG, traballou anteriormente nas montaxes Illa Reunión e Noite de Reis. Ou o que queirades, así como na coprodución Kamikaze xunto a Pistacatro Produtora de Soños.
Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e en danza pola Escola Superior de Dança de Lisboa, Uxía P. Vaello completou os seus estudos en danza contemporánea con profesionais como Rui Horta, Elena Córdoba, Andrés Corchero, Anabelle Bonnery, Angelique Wilkie, Guillermo Weickert ou Margarida Bettencourt. Dende 1989 estuda outras disciplinas de danza como danza clásica, ballet galego, claqué ou danzas sagradas afrobrasileiras.
Traballou en compañías como Amercédascirkunstancias (Fiando o Kaos e Proxecto Zocas), Martha Cardozo (Involuta) ou Pistacatro (Kamikaze). En 2007 realizou o solo Arder nun hotel, co apoio do Centro Coreográfico Galego. É tamén mestra de técnica de danza contemporánea e composición.