Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

FRANCISCO E PATRICIA SOTO COMPARTIRÁN CO PÚBLICO OS RESULTADOS DO SEU PROXECTO "PLAYGROUND_TEXTIL’N PROGRESS" MAÑÁ DÍA 7 DE AGOSTO A PARTIR DAS 19.00 HORAS

La Canalla conclúe a súa residencia artística no CDG cunha xornada de portas abertas no MARCO de Vigo

[06/08/2009] O Salón de Actos do MARCO (Museo de Arte Contemporánea) de Vigo acolle mañá venres a última xornada de portas abertas de PlayGround_textil´n progress, laboratorio de investigación téxtil que La Canalla -firma de moda e deseño de vestiario escénico integrada polos irmáns Francisco e Patricia Soto- desenvolve dentro do programa Artistas en Residencia 2009 do Centro Dramático Galego.

La Canalla

Despois dun mes de traballo durante o que se celebraron outros tres encontros públicos e un obradoiro para os máis cativos, os membros de La Canalla conclúen a súa experiencia como artistas residentes cunha mostra na que compartirán cos asistentes os resultados deste proceso creativo ao que incorporaron, así mesmo, as interaccións co público e con colaboradores procedentes de moi diversos ámbitos artísticos e profesionais.

Tres novos convidados

Na xornada de mañá, contarán coas achegas de tres novos convidados: Olga Cameselle, bailarina e coreógrafa; Ana Fidalgo, profesora de instituto e responsable de diferentes iniciativas de animación á lectura; e María Gil Janda, a nai dos membros de La Canalla. Estes nomes súmanse aos do resto dos colaboradores que interviñeron nesta residencia durante as mostras públicas desenvolvidas no MARCO os venres 17, 24 e 31 de xullo: o actor e director teatral Alfredo Rodríguez, o bailarín e coreógrafo Javier Martín, o realizador e produtor audiovisual Álvaro Dzero, o avogado especialista en arte e cultura Leo Bobadilla, os funcionarios Enrique Lourido e Rosa Collazo, e as deseñadoras gráficas e de interiores Vanesa Álvarez, Iria del Bosque e María Fernández.

Durante todo o proceso, Francisco e Patricia Soto tiveron moi en conta estas contribucións para afondar no que era o principal obxectivo do seu laboratorio: reflexionar e investigar sobre o téxtil como espazo que poida ser usado de xeitos diferentes en función das necesidades e calidades dos visitantes que reciba (os nenos como espazo lúdico, os adultos como espazo de relación persoal, os artistas como espazo onde deixar a súa pegada...)

La Canalla naceu en Vigo en 1997 como unha iniciativa empresarial baseada na calidade de vida como inquedanza persoal dos seus fundadores: Francisco Soto, Amalia Collazo e Patricia Soto. A firma arrinca baixo un criterio diferenciador, customizando prendas fóra de catálogo. Xa en 2001 abren a súa propia tenda e estudo de deseño en Vigo, centrando a proposta de marca en pezas únicas e traballos especializados para espectáculos, grupos musicais, teleseries, vodas, eventos socioculturais..., e deixando atrás a reciclaxe.

Vestiario artístico

A identidade da marca levounos a formar parte do equipo docente de Esdemga, participar na edición de Arco 2003, traballar para La Fura dels Baus, presentar a súa colección 2005 na galería de arte contemporánea Adhoc de Vigo, facer o vestiairo da xira do X aniversario do disco Bon Día de Els Pets e vestir a artistas como Uxía Senlle e Ugia Pedreira, entre outros nomes.

Ademais de desenvolveren as súas coleccións por temporadas, forman parte do equipo habitual das compañías A Factoría Teatro e Disquedanza, coa que están a traballar nun vestiario experimental para o seu espectáculo Desmemoria-2. Entre os últimos vestiarios que deseñaron para producións escénicas figuran os de Tabú Resorte (tabú revuelta) de Javier Martín; Señor Mundo, dígame?, de A Factoría Teatro; A boa persoa de Sezuán, do Centro Dramático Galego; Game Over, de CaChuzo Teatro; O club da calceta, de Teatro do Morcego; O burgués fidalgo, de Teatro do Morcego (Premio María Casares 2008 ao mellor vestiario) ou O regreso ao deserto, tamén do CDG (nomeado ao Premio María Casares 2006 ao mellor vestiario).

Documentación