Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AMOSARÁN OS RESULTADOS DO PROXECTO "CORPO-PUTA-VACA-BERRO" A TRAVÉS DUNHA MOSTRA PÚBLICA QUE TERÁ LUGAR MAÑÁ, ÁS 18.00 HORAS, NA NAVE DA AGADIC EN SANTIAGO

Gena Baamonde, Eva Freixeira e Vanesa Sotelo abren as portas do seu laboratorio escénico como artistas residentes do Centro Dramático Galego

[30/07/2009] Gena Baamonde, Eva Freixeira e Vanesa Sotelo abrirán as portas do laboratorio escénico que están a desenvolver como artistas residentes do CDG cunha mostra pública que terá lugar maña día 31, a partir das 18.00 h, na nave da AGADIC no polígono compostelán de Costa Vella (rúa de Polonia, 30). Neste encontro, compartirán cos profesionais e o público interesados os primeiros resultados do seu proxecto de investigación Corpo-puta-vaca-berro.

corpo_puta_vaca_berro

A presentación consistirá nunha serie de breves accións escénicas, improvisacións e unha instalación nos camaríns da nave realizada a partir dos seus materiais de traballo, así como de fotografías coas que foron documentando todo o proceso. As tres artistas participaron ao mesmo nivel nas sucesivas fases da investigación, compartindo experiencias e achegando a súa creatividade na procura dunha nova dramaturxia, cunha linguaxe propia que aposta decididamente por mesturar as diferentes linguaxes escénicas.

O proxecto ten como obxectivo a exploración das novas formas de ser e de estar no mundo e, principalmente, no escenario, desde o punto de vista dunha muller interesada en falar do feminino desde o feminino e desde a súa contemporaneidade sen complexos nin dramatismo. Con este fin, tomaron como un dos materiais de partida o libro de poemas de Lupe Gómez Os úteros dos cabalos, debido ao seu particular imaxinario e á súa temática descarnada e pouco compracente da muller.

Traxectorias

Gena Baamonde, actriz habitual da escena galega, comeza a súa traxectoria interpretativa en 1990 dentro da compañía Matarile Teatro, coa cal actúa en varios espectáculos como Andante, Café Acústico ou Zeppelín núm. 7. Tamén forma parte do equipo de organización do Festival Internacional de Danza En Pé de Pedra e crea numerosas curtas de teatro, sempre con idea e guión orixinal baixo o pseudónimo de Juanita Lema. Reside durante varios anos en Madrid, onde crea xunto con outras actrices a compañía Esteoeste, coa cal é seleccionada para participar en Tres nits de dansa na sala Beckett. Interesada nas linguaxes mixtas que conxugan teatro e danza, crea a compañía María A Parva coa que estrea os espectáculos Mullerona, Xogo para nena e Indignos, para os que escribe o texto orixinal e se encarga da dirección. Acaba de traballar con Guillermo Weickert, Raquel Sánchez e Marina Wainer no espectáculo Divos da compañía La Megaló Teatro Móvil e exerceu como axudante de dirección para o CDG en Valdemuller. Actualmente cursa a especialidade de Dirección de Escena na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, Eva Freixeira estuda tamén Dirección de Escena na ESAD. Foi finalista do I Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega e o CDG, coa peza titulada 1.073. É autora do texto Ela que come formigas, publicado pola Deputación Provincial da Coruña na colección Casahamlet.

Vanesa Sotelo é licenciada en Ciencias da Información. A súa experiencia teatral comeza como actriz na Aula de Teatro da Universidade de Santiago no ano 1999 e segue coa compañía Teatro no Aramio, para a que escribe a peza Azotea (2003). A continuación, marcha a Francia cunha bolsa Erasmus e pasa a formar parte dos grupos da Université de Rennes II e da Asociación de Amphi-Théâtre. Ao seu regreso, volve contactar con Teatro de Aramio e dirixe as montaxes O asasino sorrinte (2005) de Jean Marie Piemme, espectáculo premiado no certame Na Vanguarda, e E os cans calaban, de Aimé Casaire (2006). Foi dramaturga residente para o CDG na temporada 2007-2008, xunto a Rubén Ruibal e Jacobo Paz, escribindo a peza Estigma. Colaboradora e membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro, está cursando Dirección de Escena na Escola Superior de Arte Dramática.

(Fotografía: Eva Freixeira)

Documentación