Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTA PEZA, RESULTADO DA INVESTIGACIÓN COREOGRÁFICA CONCIBIDA E DIRIXIDA POR ERICK JIMÉNEZ, DESENVOLVERASE A PARTIR DAS 20.30 H NA PRAZA DE AMBOAXE

O Centro Coreográfico Galego inaugura mañá o programa "O Jofre fóra de si" de Ferrol con "La 8"

[30/07/2009] O Centro Coreográfico Galego inaugura mañá venres 31 de xullo o programa cultural "O Jofre fóra de si" do Concello de Ferrol coa posta en escena na praza de Amboaxe da peza La 8, resultado da investigación ideada e dirixida polo coreógrafo Erick Jiménez. Trece bailarinas e bailaríns interpretan esta acción coreográfica, que dará comezo ás 20.30 horas na confluencia das rúas Dolores e Sánchez Barcaiztegui.
La 8 en YouTube.

La 8

La 8 parte dunha investigación persoal na que Erick Jiménez recolle todo aquilo que lle influíu como artista, facendo fincapé no cotiá e no popular. Comeza así a tomar forma unha creación escénica que pon en valor estes aspectos, a partir de experiencias e recordos tanto propios como dos intérpretes implicados no proxecto. De feito, o nome de La 8 fai referencia ao barrio de Costa Rica no que medrou o coreógrafo e no que actualmente vive a súa familia.

Música de Xacarandaina

Nesta procura do persoal, Jiménez pediulles aos bailaríns que traballaran con cancións e bailes dos seus lugares de orixe, e empregou os números dos seus DNI para crear coordenadas no espazo das que xurdiron as primeiras estruturas de movemento. Inspirouse, ademais, en danzas populares galegas empregando liñas e formacións propias do baile tradicional, así como nas estruturas da danza postmoderna. Así mesmo, a música que utiliza para esta peza está asinada pola pandereteiras de Xacarandaina.

O desenvolvemento de La 8 enmárcase no labor que realiza o Centro Coreográfico Galego a prol dos novos creadores, aos que se quere dar a oportunidade de traballar con equipos de intérpretes profesionais nun marco sen presións polo resultado. Xunto con Erick Jiménez, o CCG convidou tamén a Kirenia Martínez para realizar unha investigación coreográfica durante catro semanas cos trece bailaríns da última produción do Centro, Giseliña: Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katia J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Migel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

(Fotografía: Iria Naya)

Documentación
Ligazóns