Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

RESOLVEU AS SEIS MODALIDADES DE SUBVENCIÓNS ÁS INDUSTRIAS CULTURAIS, CUMPRINDO ASÍ O PRAZO COMPROMETIDO POLA CONSELLERÍA DE CULTURA CO SECTOR ESCÉNICO

A AGADIC adxudica 1.450.000 euros en axudas á actividade escénica de 47 compañías galegas

[29/07/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) adxudicou un total de 1.450.000 euros a 47 compañías galegas de teatro, danza e maxia como resultado da súa convocatoria de subvencións á actividade escénica. Coa aprobación dos beneficiarios desta modalidade, así como do resto das categorías incluídas nas axudas ás industrias culturais 2009 (programa Crédito-Cultura, promoción e difusión de traballos discográficos, distribución, salas privadas de teatro e artes escénicas e asociacionismo profesional), a Consellería de Cultura cumpre o compromiso adquirido co sector escénico no sentido de resolver as concesións antes do 31 de xullo.

A AGADIC adxudicará este ano o 100% do orzamento reservado a estas primeiras subvencións ás industrias culturais galegas (2.275.000 euros), que no caso da categoría referida á actividade escénica (modalidade A) incrementa nun 18% a contía total outorgada: 1.450.000 euros fronte a 1.240.000 euros en 2008.

Compañías residentes

Unha das principais novidades neste mesmo apartado é a concesión das primeiras axudas específicas para compañías residentes, a través das que se quere dotar de maior estabilidade ás compañías profesionais galegas mediante a súa vinculación a espazos escénicos concretos, e das que resultaron beneficiarias Sarabela Teatro (no Auditorio Municipal de Ourense), Teatro do Morcego (concello de Narón), Teatro de Ningures (Audiorio Municipal de Cangas) e Cabo Sam Lourenzo (Sala Nasa de Santiago) cun importe global de 320.000 euros.

Tamén na modalidade A, destínase un total de 203.000 euros a 14 propostas presentadas por compañías de nova creación, 719.800 euros a 21 compañías de teatro de actor e monicreques para a produción de novos espectáculos e para a continuidade de súa actividade escénica, 157.200 euros a 6 compañías de danza e 50.000 euros a 2 de maxia.

A categoría correspondente ao programa "Crédito-Cultura" (modalidade B), a única para a que aínda continúa aberto o prazo de solicitude, foi creada en 2008 co obxectivo de facilitar o acceso en condicións vantaxosas das empresas escénicas e musicais ao financiamento bancario da súa actividade profesional, dando cabida este ano a todos os ámbitos culturais. Até o momento, foron concedidos 6.241 euros -do total de 40.000 euros reservados- a 6 empresas de teatro, música e do sector editorial.

Presenza no exterior

Na liña de subvencións dirixida á promoción e difusión de traballos discográficos (modalidade C), a AGADIC concedeu un total de 90.000 euros a 7 empresas musicais, mentres que no caso das axudas á distribución (modalidade D) destina 385.000 euros a 66 propostas para a realización de xiras, funcións e concertos fóra de Galicia, así como á presenza de 9 empresas culturais galegas en feiras sectoriais de carácter internacional.

Canto ao apoio económico ás salas de teatro e artes escénicas de titularidade privada, 5 espazos (a Sala Nasa e a Sala Santart de Santiago, Teatro Ensalle e Teatro Arte Livre de Vigo e Teatro del Andamio da Coruña) resultaron beneficiarios dos 200.000 euros convocados a través da modalidade E.

Por último, a Axencia Galega das Industrias Culturais aprobou tamén a concesión de 110.000 euros a seis asociacións profesionais do sector escénico e musical dentro da modalidade F: Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación Galega de Empresas Musicais, Asociación Galega de Produtores Fonográficos (Agaphono), Asociación Escena Galega, Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (Agase) e Asociación Profesional de Danza Escénica de Galicia (Danesga).

Ligazóns