[02/10/2006] A Rede Galega de Teatros e Auditorios, da que forman parte diferentes espazos escénicos de 20 concellos coruñeses, vén de inaugurar os programas Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica como paso previo á posta en marcha dun novo modelo organizativo baseado no desenvolvemento de programacións específicas de teatro, música, danza, maxia e monicreques. Así, no marco deste circuíto de exhibición de espectáculos que promove o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellería de Cultura e Deporte, a provincia da Coruña acollerá neste segundo semestre do ano un total de 118 funcións, das que 11 corresponden ao programa Rededanza, 9 a Redesons Jazz e 9 a Redesons Clásica.
A Rede iniciará en xaneiro de 2007 unha nova etapa, trala conclusión dun proceso de reforma no que están a participar os diferentes sectores implicados (asociacións escénicas, programadores culturais e IGAEM). Neste momentos, enfronta pois a recta final da súa reformulación, a través da que busca consolidarse como un circuíto de espazos de exhibición, no seo do que se desenvolverán programacións concretas dedicadas aos distintos xéneros, cada unha delas con requirimentos e orzamentos diferenciados. Esta atención especializada pretende que a danza, a música, os monicreques e a maxia conten cun espazo crecente nunha oferta de espectáculos que até o de agora se centraba basicamente no teatro de actor.
Neste sentido, configuráronse Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica que, durante este semestre, complementan o cartel xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, integrada por 45 concellos e entidades de toda Galiza. A incorporación destas tres novas programacións supón un volume de contratación global de 263.340,62 € (148.047.31 € a cargo do IGAEM e 115.297,31 €, dos concellos participantes), que vén sumarse ao investimento de 609.587,42 € destinado á programación xeral neste período.
CALENDARIO DE ACTUACIÓNS
A cidade da Coruña acollerá un total de 13 funcións da Rede de xullo a decembro. Até finais de ano, as actuacións pendentes terán lugar no Forum Metropolitano (Andrómena Teatro, con A porta pechada, o 21 de outubro ás 20.30 h., e Tanxarina Títeres, con Titiricircus, os días 10 e 11 de decembro ás 17.30 e ás 12.00 h., respectivamente) e no Teatro Rosalía de Castro que, ademais das actuacións de Sarabela Teatro con Macbeth (1 de novembro, ás 20.30 h., e 2 de novembro, ás 11.30 h.) e de Creacións Máxicas con Armas baixo control (17 e 18 de decembro, ás 19.00 e ás 11.30 h.), será o escenario de varios dos espectáculos de Rededanza: Pepe Hevia con Delicado abismo, o vindeiro mércores día 4; Experimenta Danza con Meltemi, o 4 de novembro; e Arrieritos con 13 Rosas, o 11 de novembro. Todas estas funcións comezaran ás 20.30 h.
Rededanza desenvolverase noutros 8 escenarios galegos, entre os que figuran o Auditorio Municipal Alovi das Pontes coas montaxes Engado, de Nova Galega de Danza (17 novembro) e Imaxina que..., de Experimenta Danza (18 novembro), e o Pazo da Cultura de Carballo con 13 Rosas (29 outubro), Delicado abismo (5 decembro), Menú vexetal de Disque Danza (6 decembro), Engado (7 decembro) e Imaxina que... (29 decembro).
Un total de 17 grupos galegos conforman o cartel de Redesons Jazz, que se celebra en 9 concellos, 3 deles coruñeses. Así, Estíbaliz Espinosa, Anacoana Latin Jazz e Mr. Dixie Jazz Band actuarán no Centro Cívico Cultural de Arteixo os días 14, 15 e 16 de decembro, respectivamente. A Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada acollerá tamén os concertos de Estíbaliz Espinosa (11 novembro) e Anacoana (18 novembro), ademais do de Monkillos (25 novembro); e o Centro Cívico Cultural de San Sadurniño, os de Distrito Latino (6 outubro), Miki Nervio & The Bluesmakers (3 novembro) e Monkillos (1 decembro). Pola súa banda, Redesons Clásica celebrarase a partir do 11 de outubro en 8 localidades, entre as que se atopan Carballo (Coruña Brass, 11 novembro; Doa, 19 novembro; e Il Vechio Borgio, 17 decembro), Sada (Charo Pita-Manuel Vilas, 14 outubro; Cuarteto Agógica, 20 outubro; e Il Vechio Borgio, 3 novembro), e San Sadurniño (Ludus Tonalis, 13 outubro; Modern Mozart, 24 novembro; e Dúo Virtuosos, 15 decembro).
Ademais dos concellos citados, forman parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios os municipios coruñeses Ames, Betanzos, Boiro, Cariño, Cedeira, Cee, Culleredo, Ferrol, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Ortigueira e Santiago de Compostela.
AMPLIACIÓN DE OBXECTIVOS
A Rede, que celebrou a súa primeira programación hai agora dez anos, encamíñase cara a un novo modelo de funcionamento e xestión que suporá un fondo cambio tanto na súa concepción como nos seus obxectivos. Así, o novo circuíto buscará potenciar o mercado galego das artes escénicas, apoiando a súa presenza e visibilidade social, traballando na captación de públicos, promovendo a formación na xestión cultural e incrementando o volume total de contratación. A creación dunha páxina web propia, a posta en marcha de billeteiras electrónicas, a xestión a través dunha intranet e a realización de estudos periódicos serán algunhas das actuacións que se desenvolverán neste sentido.
Trátase, así mesmo, de lograr unha Rede máis dinámica, aberta aos diferentes xéneros artísticos a través de programacións especializadas, que se converta en referente para a distribución e exhibición das artes escénicas e musicais galegas. Con este fin, a Comisión Técnica de Reforma traballa na concreción das normas de funcionamento que se aplicarán a partir de xaneiro e que será presentada proximamente ao conxunto dos axentes das artes escénicas e musicais de Galiza cara á súa aprobación definitiva.