Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MANTENSE ABERTO ATÉ O 31 DE XULLO O PRAZO DE INSCRICIÓN DE PROFESIONAIS PARA ASISTIR A ESTE ENCONTRO QUE ORGANIZA A AGADIC EN SANTIAGO

A Feira das Artes Escénicas celebrará unha nova edición do 19 ao 23 de outubro coa participación dun total de 20 compañías galegas

[23/07/2009] A Feira Galega das Artes Escénicas celebrará a súa edición de 2009 do 19 ao 23 de outubro en diferentes espazos de Santiago de Compostela, cun cartel artístico integrado por un total de 20 espectáculos galegos de teatro e de danza e a asistencia de máis dun centenar de programadores, distribuidores e produtores do sector procedentes de toda Península.

imaxe_feira

Nestes momentos e até o vindeiro día 31 continúa aberto o prazo de inscrición de profesionais para participar neste encontro que organiza a Consellería de Cultura e Turismo a través da AGADIC, ao tempo que se ultima o proceso de selección das compañías a través de dúas vías: obxectiva, en función dos niveis de distribución dos espectáculos na Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), e artística, a cargo dunha comisión que está tendo en conta criterios de calidade, innovación e actualidade das propostas presentadas.

Contratación exterior

Esta nova edición da Feira Galega das Artes Escénicas volverá incidir na súa condición de espazo de mercado para a compravenda de espectáculos producidos por compañías galegas cara á súa exhibición durante 2010 tanto dentro como fóra da nosa Comunidade. Neste sentido, a AGADIC mantén o seu programa de bonificacións á contratación exterior, que este ano suporá un desconto do 40% sobre o caché dos espectáculos ofertados no segundo semestre de 2009 da RGTA, do que poderán beneficiarse os teatros, auditorios, festivais, feiras e circuítos de exhibición non galegos con representación na Feira.

Ademais, o Auditorio de Galicia repetirá en 2009 como sede principal do encontro, trala positiva experiencia que na edición anterior significou a concentración nun mesmo espazo da oficina de coordinación, os stands de empresas do sector, un dos escenarios de exhibición, as mesas de debate e o restaurante. O obxectivo é propiciar unha maior e mellor comunicación entre todos os profesionais asistentes, ao tempo que se facilita o seu traballo durante as cinco intensas xornadas de Feira.