Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS INTERESASOS TEÑEN ATÉ O 28 DE AGOSTO PARA PRESENTAR PROXECTOS INÉDITOS E NON ESTREADOS

O CDG coproducirá dous espectáculos con compañías privadas, un para público infantil

[21/07/2009] O Centro Dramático Galego (CDG) levará a cabo en réxime de coprodución na próxima temporada escénica 2009-2010 un total de 2 novos espectáculos que se engadirán ao plano de produción e de programación propia da compañía institucional. A tal fin, o CDG realizou unha convocatoria para que todas as compañías, colectivos ou creadores individuais galegos interesados poidan achegar os seus proxectos ao Salón Teatro de Santiago até o próximo 28 de agosto como primeiro paso do proceso de selección das dúas montaxes previstas, unha das cales se dirixirá especificamente a público infantil.

"Wake-up", última coprodución do CDG

Os beneficiarios percibirán unha contía económica e unha asistencia técnica, concretada ésta nun servizo de análise, asesoramento, planificación e viabilidade de estratexias tanto no ámbito dramatúrxico como de xestión, financiamento e comercialización.

O principal obxectivo que preside a convocatoria é incrementar a excelencia artística nas artes escénicas coa incorporación de novas expresións, a mestizaxe con outras disciplinas e a integración dos creadores galegos na escena nacional e internacional. Os proxectos deberán ser inéditos, non estreados e desenvolvidos en lingua galega.

Entre os criterios de selección que aplicará a dirección do CDG, a partir da valoración emitida polo Consello Asesor da entidade, están a calidade e interese artístico do proxecto, o seu impacto e a súa previsión de xestión. Teranse en conta a aportación da proposta ao desenvolvemento e á renovación das artes escénicas en Galicia, a incorporación de diversas disciplinas e linguaxes escénicas, a participación de creadores procedentes de distintos ámbitos. Tamén se atenderá á fiabilidade e viabilidade do proxecto (realismo nas previsións orzamentarias, equilibrio financeiro, adecuación ao mercado), colaboración doutras entidades na coprodución e proxección exterior do proxecto.