[17/07/2009] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción escénica da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), rematou a súa temporada 2008-09 cun balance de 27.815 espectadores congregados nas 196 funcións promovidas pola compañía pública, cifras que suman a distribución das súas dúas producións propias e a programación externa que conformou a carteleira do Salón Teatro. Neste último apartado, o apoio do público á actividade do espazo escénico que xestiona o CDG traduciuse en 17.093 espectadores que asistiron ás 130 funcións ofrecidas por 43 formacións artísticas, o que supón un incremento respecto ao período inmediatamente anterior de 41 funcións e 5.668 entradas.
No tocante ao labor de produción propia, as representacións de A boa persoa de Sezuán e As dunas reuniron en total a 10.815 espectadores nas 66 funcións desenvolvidas. Despois de ofrecer 17 funcións en Compostela cun total de 1.769 asistentes, a versión en galego da obra de Bertolt Brecht con dirección de Nuno Cardoso iniciou o seu período de exhibición fóra do Salón Teatro percorrendo nove escenarios galegos. Ofrecéronse 36 representacións da montaxe ás que asistiron 6.339 persoas.
En As dunas , obra escrita por Manuel Lourenzo como resultado do proxecto de dramaturxia residente e con dirección de Quico Cadaval, foron 4.476 espectadores os rexistrados nas 30 funcións realizadas durante tres meses.
Teatro e novo circo
Polo que atinxe a carteleira externa do Salón Teatro, 11.865 persoas presenciaron as 85 funcións que realizaron compañías tan emblemáticas como Matarile Teatro, que abriu o calendario con catro funcións do seu último espectáculo Animales artificiales . A continuación, o escenario compostelán acolleu a montaxe infantil Game over , da compañía Teatro Cachuzo, e as producións de Lagarta Lagarta Aeroplanos ; El año de Ricardo da madrileña Atra Bilis, e a Teatro do Atlántico con Unha primavera para Aldara .
O segundo trimestre de programación iniciouse en xaneiro cunha nova reposición da exitosa produción do CDG Noite de Reis. Ou o que queirades , que deu paso a un ciclo de novo circo, unha iniciativa pioneira en Galicia que ofreceu aos afeccionados ao xénero a oportunidade de gozar de catro importantes propostas: Malgama dos andaluces Varuma Teatro, Contigo de O Último Momento (Portugal), As vingadoras de Maquinaria Pesada (Galicia) e Ieto , da compañía francesa homónima. En total, desenvolvéronse 8 funcións que foron seguidas por 1.084 espectadores.
O teatro non profesional tamén tivo o seu oco coa Mostra de Teatro Universitario celebrado no mes de maio e á que acudiron 1.039 espectadores en 9 funcións. Outra iniciativa destacada foi a Mostra de Teatro Infantil de Nadal que tivo lugar no mes de decembro e que durante cinco días congregou a un público familiar cifrado en 843 persoas, a meirande parte nenos e nenas. Finalmente, Teatro do Morcego conmemorou os seus 20 anos de traxectoria artística ofrecendo 10 representacións de Kvetch: O Rosmón , ás que asistiron 813 persoas e Abrapalabra puxo o colofón á temporada coa reestrea da obra A piragua , escrita e dirixida por Cándido Pazó para o CDG en 2007, da que se ofreceron 4 pases nos que se cubriron 623 butacas.
Iván Marcos e Nut Teatro presentaron tamén as súas propostas escénicas Eco e Wake Up , inseridas no plan de coproducións do CDG para 2009 xunto coa estrea de Delimvois , espectáculo escrito por Rubén Ruibal e montado en colaboración co Teatro Oficina no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães (Portugal).
Danza e música
A programación dedicada á danza ofreceu seis funcións, seguidas por un total de 603 espectadores. Este apartado inicíabase no mes de novembro con Nou I_D , a última peza de Kónic Thtr baseada no diálogo entre os intérpretes e a máis sofisticada tecnoloxía. Igualmente, a compañía do coreógrafo catalán Salva Sanchis presentábase por primeira vez en Galicia con Objects in mirror are closer than they appear . Ademais, a Compañía Quique Peón, en coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG), debutaba en xuño coa peza Ovay .
Canto ao apartado de música, por terceiro ano consecutivo o Salón Teatro foi o escenario da Extensión do Festival Sinsal, un dos certames musicais máis arriscados e innovadores de Galicia. Un total de 696 espectadores acudiron a esta terceira edición, que ofreceu en Compostela os recitais de influíntes grupos dentro do panorama das músicas contemporáneas: Jeremy Jay, Pram, Larsen & Little Annie e Current 93. O concerto de peche do Festival Vibracional TPS a cargo da Orquestra de Música Espontánea de Galicia puxo fin á programación dedicada a esta disciplina.