[03/07/2009] Este sábado 4 de xullo dentro da programación do Festival Empape 2009 poderá verse a peza La 8, resultado dunha investigación coreográfica dirixida por Erick Jiménez e apoiada polo Centro Coreográfico Galego. A cita será ás 20.00 horas nos arredores da Torre de Hércules.
Pincha aquí para ver máis información.
Co obxectivo de dar a oportunidade a creadores novos de traballar con equipos de intérpretes profesionais nun marco sen presións polo resultado o CCG convida aos xoves coreógrafos Erick Jiménez e Kirenia Martínez a realizar unha investigación coreográfica cos trece bailaríns de Giseliña nun prazo de catro semanas.
La 8 é o resultado da investigación coreográfica concibida e dirixida por Erick Jiménez, unha investigación a través da que se transforman aspectos cotiás e recordos persoais nunha creación escénica. O nome de La 8 fai referencia ao barrio no que medrou o director desta investigación e no que actualmente vive a súa familia.
La 8 parte dunha investigación persoal na que Erick Jiménez recolle todo aquilo que o influiu como artista, facendo fincapé no cotiá e popular. Tratase de poñer en valor estes aspectos dende experiencias persoais de cada un dos intérpretes. Esta proposta é, ante todo, unha viaxe ao interior de nos mesmos partindo dos recordos e das experiencias dos outros. En La 8 as experiencias e os recordos deixan de ser exclusivamente persoais para adquirir un carácter universal a través da confrontación co outro.