Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MÚSICO E PRODUTOR MUSICAL, SUBSTITÚE NO CARGO A MIGUEL MARTÍN FERNÁNDEZ

Juan Carlos Fernández Fasero, nomeado director da Axencia Galega das Industrias Culturais

[02/07/2009] O músico e produtor Juan Carlos Fernández Fasero (Arnoia, 1969) foi nomeado hoxe polo Consello da Xunta de Galicia novo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Fernández Fasero realizou estudos de Física na Universidade de Santiago e no Conservatorio Profesional de Música de Ourense na especialidade de guitarra. Foi membro fundador dos grupos de música folk Grieih, Aqua-Lae e Mutenrohi e autor de tres discos na súa carreira en solitario. Como compositor e produtor musical traballou para Mutenrohi, Cristina Pato, Eva Carreras e Lume.

Nominado en catro ocasións pola Academia de la Música como mellor autor en galego, recibiu tres premios Luar a producións por el realizadas.

Até a actualidade, foi director da empresa Zouma Producciones S.L. e ocupou os cargos de vicepresidente da AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e de secretario da Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (AGAFONO).

En 2007 resultou elixido concelleiro polo Partido Popular no concello de Arnoia.

Juan CarlosFernández Fasero sucede como director da AGADIC a Miguel Martín Fernández, quen cesara no mesmo posto o pasado 7 de maio.