[30/06/2009] O bailarín e creador David Loira, artista en residencia do Centro Coreográfico Galego co proxecto Macho , amosará o xoves 2 de xullo diante do público o resultado do proceso creativo desta peza nunha sesión que se desenvolverá na nave industrial da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) no compostelán Polígono de Costavella. Ao remate da mostra de Macho abrirase un coloquio entre o artista e os espectadores para debullar os distintos elementos desta proposta.
Esta actividade insírese no programa Artistas en Residencia, unha iniciativa da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) xestionada polo Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Dramático Galego (CDG), que ten como finalidade apoiar a artistas ou colectivos artísticos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escrita teatral, circo, danza e outras artes do movemento; así como a artistas que dende outras disciplinastraballen coa danza, o teatro ou o circo como referencia. Esta liña de apoio á creación ofrece aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver unha actividade de investigación ou de creación. Mediante este programa apóianse en 2009 un total de 15 proxectos, 8 deles xestionados polo CCG e 7 polo CDG.
En Macho establécese unha relación entre unha temática sobre identidade sexual e unha temática floral, até chegar á idea dun corpo masculino en coma. Evocando ese corpo ausente, en aparencia inmóbil, introdúcese a imaxe dun lago e a idea que relaciona o corpo, o movemento, a auga e a paisaxe. Descubrindo e atopando o corpo masculino, a medida que se vai agochando da vida e da morte, faise presente e vaise convertendo nunha flor na que entra en dialéctica o feminino e o masculino, a acción e a non acción, a vida e a non vida, o soño e a realidade.
Escrito, dirixido e interpretado por David Loira, Macho conta co acompañamento no traballo de escena de Rosa Sánchez e Alain Baumann, de Kònic Thtr, plataforma recoñecida internacionalmente como pioneira no emprego e incorporación de tecnoloxía en proxectos de creación. Tamén participa Toni Mira, da Compañía Nats Nus, como asesor artístico. Conforman así mesmo o equipo do proxecto a actriz e bailarina Fiona B. McCudden, Octavio Más na iluminación, Masako Hattori no vídeo, Xacobo Torres na axudantía técnica e Roberto Fratini na asesoría de dramaturxia.