Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A EAEM ORGANIZA ESTE ENCONTRO, QUE SE DESENVOLVERÁ EN SANTIAGO DO 1 AO 8 DE XULLO CON CONCERTOS E CONFERENCIAS ABERTAS AO PÚBLICO XERAL

Unha vintena de alumnos participa na oitava edición do Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher"

[29/06/2009] Un total de 23 alumnos procedentes de diferentes puntos de España participará a partir do vindeiro mércores 1 de xullo na oitava edición do Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher", que se desenvolverá até o día 8 na sede da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) en Santiago de Compostela. Como en anteriores convocatorias, o encontro combina o seu programa lectivo con distintas actividades complementarias abertas ao público xeral, entre as que destaca a conferencia sobre lutharía que impartirá o recoñecido contrabaixista estadounidense Thomas Martin e a celebración de cinco concertos de entrada libre.

Organizado pola Sección de Formación Permanente da EAEM e coordinado polo profesor Carlos Méndez, o Festival naceu grazas á iniciativa dun grupo de antigos alumnos do contrabaixista austríaco Ludwig Streicher na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid, constituíndo hoxe en día un dos encontros máis importantes dedicados a este instrumento en todo o ámbito peninsular.

Programa lectivo

A sede da Escola acollerá o programa lectivo, que comprende tanto clases individuais de repertorio solístico, como sesións de grupo nas que se abordará repertorio orquestral, de música de cámara e de jazz.

O profesorado que traballará cos alumnos desta oitava edición está integrado polo propio Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia e profesor da Escola de Altos Estudos Musicais; Damián Arenas, contrabaixo tutti da Orquestra Sinfónica de RTVE ; Luis Navidad, ex solista da Orquestra da Comunidade de Madrid e axuda de solista da Orquestra Nacional de España; e Roberto Terrón, contrabaixo co-principal da Orquestra de RTVE e profesor no Conservatorio de Música de Toledo. Pola súa banda, Alfonso Morán, contrabaixo coprincipal da Real Filharmonía, impartirá as clases de jazz. Os pianistas Ángel Gago e Lorenzo de los Santos acompañaranos no desenvolvemento das clases.

Canto ás actividades paralelas, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá dúas citas musicais na fin de semana: o sábado 4, ás 20.00 horas, celebrarase un concerto monográfico sobre o compositor Reinhard Süss a cargo de Damián Arenas (contrabaixo), Ximo Vicedo (trombón) e Ilona Timchenko (piano), mentres que o domingo 5, á mesma hora, terá lugar un recital para contrabaixo e piano protagonizado por Risto Voulanne e Nuno Caçote. O programa de concertos continuará o luns 6 de xullo coa actuación do Alfonso Morán Cuarteto no Dado-Dadá Jazz Club, e completarase con dous recitais dos alumnos do festival.

O VIII Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher" contará, así mesmo, coa participación do mestre Thomas Martin, quen ademais de impartir unha master-class no marco do programa lectivo, ofrecerá unha conferencia sobre lutharía na tarde do domingo 5. Recoñecido internacionalmente como contrabaixista, Martin é tamén un destacado luthier na construción de diferentes instrumentos. Foi solista da Buffalo Philarmonic Orchestra e da Orquestra Fliharmónica de Israel, ademais de ocupar posicións principais na Academia St. Martin’s Chamber Orchestra, a Orquestra de Cámara Inglesa, a Orquestra Sinfónica de Birmigham e a Sinfónica de Londres. Profesor na Guidhall School e no Royal College of Music de Londres, ten gravados catro discos con múisca de Botessini que obtiveron unha gran acollida por parte da crítica especializada.