Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DIRECTOR, EQUIPO ARTÍSTICO E ELENCO VÓLVENSE REUNIR PARA DAR VIDA A ESTE TEXTO ORIXINAL SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO GALARDOADO CO PREMIO MARÍA CASARES

Abrapalabra reestrea no Salón Teatro "A piragua", escrita e dirixida por Cándido Pazó para o CDG en 2007

[23/06/2009] O Salón Teatro acolle esta semana (xoves 25 ás 21.00 horas, venres 26 e sábado 27 ás 20.30 h e domingo 28 ás 18.00 h) a reestrea de A piragua, obra escrita e dirixida por Cándido Pazó como resultado da súa experiencia como primeiro dramaturgo residente do Centro Dramático Galego (CDG) na temporada 2006-2007 e producida agora pola nova compañía Abrapalabra. A iniciativa privada asume deste xeito a explotación dun proxecto inicial da compañía pública mediante unha fórmula de colaboración pola que se cede parte do material escenográfico para a súa reutilización e co obxectivo de contribuír á máxima rendabilidade social dos espectáculos.

A Piragua

Dous anos despois da súa estrea en abril de 2007, o director, o equipo artístico e o elenco que participaran na primeira montaxe (a parella protagonista encabezada por Xosé Manuel Olveira "Pico" -no papel de Delio- e Susana Dans -no de Rosa-, xunto a Iolanda Muíños, Marcos Orsi, César Goldi, Ricardo de Barreiro e Marián Bañobre) volven reunirse para dar vida a esta historia que aborda o tema da violencia de xénero, galardoada daquela co Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal.

Prestaron tamén o seu traballo artístico para a posta en escena Carlos Alonso (escenografía e vestiario), Manuel Riveiro Hermo (composición musical) e Afonso Castro (deseño de iluminación). Incorpórase nesta ocasión Belén Pichel como axudante de dirección, así como responsable da produción e distribución. O CDG aporta o vestiario e parte do atrezzo.

A partir dunha reunión de veciños

O argumento da peza parte dunha reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas, un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe pero, segundo se argumenta "as cousas son como son, como teñen que ser, e é obvio e natural que as prazas de garaxe foron creadas para ter nelas vehículos automóbiles".

Acompañando á comunidade no desenvolvemento desta discordia, que se prolonga durante varios días, imos descubrindo, xunto co resto das personaxes, que nun dos pisos está a desencadearse un caso de violencia doméstica. É unha situación que sempre existiu dunha maneira máis ou menos larvada, pero que ultimamente está intensificándose, ou cobrando máis visibilidade, debido á nova actitude da vítima. Trátase dunha muller que, farta de aguantar e ante unha progresiva toma de conciencia, decide enfrontarse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira.

Máis de 4.700 espectadores

A montaxe do CDG A piragua rexistrou un gran éxito de público nas 37 funcións ofrecidas e obtivo catro galardóns no Premio María Casares 2007 ao Mellor Texto Orixinal, Mellor Actriz Protagonista (Susana Dans), Mellor Música Orixinal (Manuel Riveiro Hermo) e Mellor Iluminación (Afonso Castro). Tras permanecer durante un mes no Salón Teatro de Compostela, onde se representaron un total de 23 funcións ás que acudiron 2.498 persoas, a produción iniciou unha exitosa xira que contou co apoio de Caixa Galicia por doce escenarios das catro provincias galegas, visitando os teatros de Ourense, Vigo, Lalín, Tui, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Ribadeo, Carballo, Cangas, O Barco de Valdeorras, Narón e A Coruña. O período de exhibición desta peza en Galicia terminou cun balance total de 4.729 espectadores.

As localidades para as funcións de A piragua están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 € para o venres e sábado, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos, e de 5 € para o domingo, día do espectador. Para o xoves, a entrada é por convite.

Con estas catro representacións de A piragua remata o calendario de exhibición do Salón Teatro da temporada 2008-2009.

Documentación