Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A NOVA PROPOSTA DA COMPAÑÍA COMPOSTELÁ EXHÍBESE NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO A PARTIR DE MAÑÁ XOVES E ATÉ O DOMINGO 21, TRALA SÚA EXITOSA ESTREA NO FITEI DO PORTO

Nut Teatro e o CDG presentan en "Wake Up" unha tecnoloxía electrónica pioneira na escena galega

[17/06/2009] O Salón Teatro de Santiago acolle a partir de mañá xoves a presentación en Galicia da montaxe Wake Up, realizada pola compañía Nut Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), da que ofrecerá un total de catro funcións até o domingo día 21: de xoves a sábado, ás 20.30 horas e o domingo, ás 18.00 h. A nova proposta da compañía compostelá, que incorpora unha tecnoloxía electrónica pioneira na escena galega, chega precedida do gran éxito de público obtido na súa estrea absoluta no Teatro Carlos Alberto (TeCA) do Porto dentro do programa do Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI).

Wake Up

Carlos Neira asina a dirección e a dramaturxia, ademais da concepción dos textos e do espazo escénico desta proposta, para a que conta de novo coas actrices Nerea Barros, Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Arantza Villar. Xuntos poñen en escena un espectáculo interdisciplinar e en diálogo permanente coas novas tecnoloxías, a partir da utilización de cámaras de vídeo, proxeccións e sensores para potenciar o traballo das actrices e establecer novas formas de relación co público.

Electrónica ao servizo da interpretación

O desenvolvemento tecnolóxico está supervisado pola coruñesa Rosa Sánchez e o francés Alain Baumann, fundadores e impulsores de Kónic Thtr., unha plataforma creativa con base en Barcelona que investiga sobre diferentes aplicacións das tecnoloxías interactivas en proxectos artísticos. Eles son os responsables do sistema de sensores sen fíos para o recoñecemento de movemento e de luz -que recibe o nome de iXKa- que as actrices de Nut Teatro empregan para crear e manipular en tempo real o espazo sonoro da montaxe.

Este innovador dispositivo electrónico, que en escena só fora empregado con anterioridade nos propios espectáculos de Kónic Thrt., precisou de varios anos de investigación e desenvolvemento no marco dos laboratorios de I+D+i da plataforma catalá, como o que impartiron o ano pasado no Centro de Creación Dramática Contemporánea do CDG e onde entraron en contacto cos integrantes de Nut Teatro.

Xunto con Rosa Sánchez e Alain Baumann, completan o equipo artístico deste proxecto Guillermo Heras como asesor de dramaturxia, Octavio Mas no deseño da iluminación, e César Abella na produción.

A escena como espazo íntimo

Tomando como punto de partida o concepto de privacidade, en Wake Up o espectador convértese nun voyeur-mirón de algo que pasa máis alá del e co cal se pode identificar. A través da idea das "camas quentes", expresión referida ao leito subarrendado a homes e mulleres que, carentes de recursos económicos, apenas poden pagar o alugueiro dun catre multiusos, a montaxe reflexiona sobre a intimidade e as relacións xurdidas dos novos modelos de convivencia.

Nut Teatro continúa aquí a liña de traballo iniciada coas súas anteriores propostas escénicas (Corpos Disidentes, 4.48 Psicose e A Mirada de Pier), onde apostaba por obras experimentais que combinaban fórmulas especificamente teatrais con outras máis próximas á arte "realizativa" ou de acción. Centrada en investigar novas relacións co espectador e máis ligada ao proceso de creación que ao resultado, esta coprodución indaga pois nas novas teatralidades contemporáneas do panorama artístico internacional.

Venda de entradas

As entradas para as catro funcións de Wake Up están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes dende dúas horas antes do comezo da actuación. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Con Wake Up culmina, ademais, o plan de coproducións do Centro Dramático Galego para 2009, no que tamén se insiren outros tres espectáculos xa estreados: Rúa Aire, de O Retrete de Dorian Gray; Eco, de Iván Marcos; e Delimvois, do grupo portugués Teatro Oficina.

Documentación