Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CARLOS NEIRA DIRIXE ESTA PROPOSTA, QUE INTERPRETA XUNTO ÁS ACTRICES NEREA BARROS, XIANA CARRACELAS, IRIA SOBRADO E ARANTZA VILLAR

Nut Teatro e o CDG estrean "Wake Up" esta fin de semana no FITEI do Porto

[04/06/2009] O Teatro Carlos Alberto (TeCA) do Porto será o escenario esta fin de semana da estrea absoluta de Wake Up, espectáculo de Nut Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), dentro do programa do XXXII Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI). Tralas funcións no TeCA (o sábado 6, ás 21.30 h e o domingo 7, ás 16.00), esta proposta interdisciplinar que dialoga coas últimas tecnoloxías será presentada o martes 9, ás 21.30 h, na extensión do encontro en Moita.

Wake Up

Wake Up indaga nas novas teatralidades contemporáneas, centrándose na investigación de novas relacións co espectador e máis ligado ao proceso de creación que ao resultado. Tomando como punto de partida o concepto de privacidade, a compañía compostelá presenta unha peza na que o espectador se converte nun voyeur-mirón de algo que pasa máis alá del e co cal se pode identificar. A través da idea das "camas quentes" -expresión referida ao leito subarrendado a homes e mulleres que, carentes de recursos económicos, apenas poden pagar o alugueiro dun catre multiusos-, a montaxe reflexiona sobre a intimidade e as relacións xurdidas dos novos modelos de convivencia.

Arte "realizativa"

Nut Teatro continúa así a liña de traballo das súas anteriores producións (as creacións colectivas Corpos disidentes e A mirada de Pier, e a adaptación do texto da británica Sarah Kane 4.48 Psicose), apostando por obras experimentais que combinan fórmulas especificamente teatrais con outras máis próximas á arte "realizativa" ou de acción.

Carlos Neira asume a dirección e a dramaturxia, ademais da concepción dos textos e do espazo escénico desta proposta que el mesmo interpreta xunto ás actrices Nerea Barros, Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Arantza Villar. Outros nomes importantes na materialización deste proxecto son Guillermo Heras como asesor de dramaturxia, Octavio Mas na iluminación e César Abella na produción. O desenvolvemento tecnolóxico empregado está supervisado por Kónic Thtr., plataforma artística con base en Barcelona dedicada á creación contemporánea na confluencia de arte, ciencia e novas tecnoloxías.

Nut Teatro preséntase por segundo ano consecutivo no FITEI, unha das citas máis relevantes da temporada teatral peninsular, onde participou por primeira vez o ano pasado logrando un importante éxito de crítica e de público, coas entradas esgotadas para todas as súas funcións.

Representación galega

Nesta trixésimo segunda edición, a compañía compostelá comparte cartel con outros tres espectáculos de formacións galegas: Animales artificiales, de Matarile Teatro (luns 8 e martes 9 ás 21.30 h no Teatro Nacional São João); Ven, da compañía de danza Entreman (mércores 10 ás 21.30 no Cine-Teatro Constantino Nery de Matosinhos); e A invasión pirata, de Troula Animación (día 10, tamén a partir das 21.30 h, polas rúas de Matosinhos).

O FITEI 2009, que presta deste xeito unha atención especial á escena galega, exhibe un total de 20 espectáculos (6 procedentes de Portugal, 10 de España, 1 de Brasil, 1 de Venezuela, 1 de Alemaña e 1 de Francia) até o vindeiro día 10 de xuño en diferentes escenarios do Porto, así como das súas extensións en Matosinhos e Moita. Desenvólvese, ademais, unha programación paralela con conferencias, exposicións e concertos de jazz.

Con Wake Up culmina, así mesmo, o plan de coproducións do Centro Dramático Galego para 2009, no que tamén se insiren outros tres espectáculos xa estreados: Rúa Aire, de O Retrete de Dorian Gray; Eco, de Iván Marcos; e Delimvois, do grupo portugués Teatro Oficina. En Galicia, a nova montaxe de Nut Teatro poderá verse no Salón Teatro os días 18, 19 e 20 de xuño ás 20.30 horas e o día 21 ás 18.00 horas.

Documentación
Ligazóns