Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE O DOMINGO 7 DE XUÑO ESTA OBRA DE MANUEL LOURENZO, CON DIRECCIÓN DE QUICO CADAVAL, AMBIENTADA NA MARIÑA LUGUESA

O Centro Dramático Galego leva "As dunas" a Ribadeo

[04/06/2009] O Centro Dramático Galego (CDG) presenta As dunas no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo nunha única función este domingo día 7 de xuño ás 20.30 horas. As dunas é o espectáculo resultante da obra escrita ad hoc por Manuel Lourenzo con dirección escénica de Quico Cadaval.

As dunas

Autor e director suman os seus talentos creativos nesta nova produción da compañía pública á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido". Trátase dunha comedia cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.

Proposto polo propio Manuel Lourenzo (Premio Nacional da Cultura Galega 2008 na categoría de Artes Escénicas) para levar ás táboas o seu texto, Quico Cadaval recunca no CDG con As dunas tralo éxito acadado a pasada temporada con Noite de Reis. Nesta ocasión, o polifacético director ideou unha montaxe de teatro, danza e música en directo, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos Mosquera "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.

Estética de fotonovela

A estética do espectáculo inspírase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

A acción transcorre na Mariña luguesa, nunha nave industrial en desuso onde son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa "As dunas", un moderno balneario musical que terá como destinatarios a "amantes de praceres prolongados" e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por "todo tipo de refinados praceres do corpo".

Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.

Espectáculo promocional

As localidades para a función de As dunas poranse á venda o mesmo domingo ao prezo de 4 e 2 euros (para xubilados, parados e estudantes) a partir das 19.00 horas. Ademais, e co obxectivo de promocionar esta produción no marco de "Espazos CDG", rede de distribución da que forma parte o auditorio ribadense, o CDG realiza conxuntamente coa compañía galega Pistacatro un espectáculo promocional que se desenvolverá o sábado 6 na rúa peonil (diante do cine-teatro) ás 12.00 horas. Trátase dunha acción escénica na que se mestura novo circo, ritmo, música e humor para comunicar aos viandantes que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente.

Despois desta función en Ribadeo, o espectáculo finalizará o seu período de exhibición no Teatro Jofre de Ferrol, o sábado 13 de xuño.

Documentación