Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 12 ALUMNOS PARTICIPA NESTE ÚLTIMO OBRADOIRO, QUE SE DESENVOLVE NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO ATÉ O 3 DE XUÑO COA COLABORACIÓN DO INSTITUTO CAMÕES

Un encontro con Vieira Mendes clausura o curso do CDG "Pistas para unha dramaturxia da actualidade"

[01/06/2009] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle dende hoxe e até o vindeiro mércores día 3 un novo obradoiro de escrita teatral, co que se pon o colofón ao curso "Pistas para unha dramaturxia da actualidade III". Impartido por Vieira Mendes, un dos dramaturgos máis recoñecidos da escena portuguesa actual, esta actividade conta coa colaboración do Instituto Camões de Portugal e terá lugar na biblioteca do Salón Teatro de Santiago en horario de tarde.

Vieira Mendes

Nado en Lisboa en 1976, Jose María Vieira Mendes escribe e traduce obras para teatro. O seu traballo está vencellado aos Artistas Unidos e, dende o ano 2008, é tamén membro da compañía de Teatro de Praga. Entre as súas obras destacan Dois Homens, Morrer, Crime e Castigo, Lá Ao Fundo o Rio, Chão e T1, algunhas das cales foron xa traducidas ao inglés, francés, italiano, español, polaco, noruegués, romanés, eslovaco, sueco e alemán. Ten realizado, ademais, distintas producións en Alemaña, Suecia e Escocia.

Un total de 12 alumnos participa neste encontro especial co dramaturgo portugués, gratuíto e exclusivamente dirixido aos asistentes ás diferentes edicións dos obradoiros de "Pistas para unha dramaturxia da actualidade".

Este curso -cuxa dirección e coordinación asume desde os seus inicios o director, narrador e dramaturgo galego Cándido Pazó- ten como finalidade que os asistentes poidan crear un texto dramático a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade. Ademais de Pazó, Angélica Líddell, Maxi Rodríguez, Enzo Cormann e Elyse Dodgson impartiron os anteriores obradoiros desta edición, analizando cos alumnos aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, detección de conflitos e valoración das potencialidades de partida, así como os distintos elementos da teatralidade na abordaxe da construción de personaxes, diálogos e resolucións.