Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ENTIDADE DA CONSELLERÍA DE CULTURA PATROCINA UNHA NOVA EDICIÓN DO PLAN DE FORMACIÓN PERMANENTE, QUE SE DESENVOLVERÁ EN SANTIAGO, RIBADAVIA, VIGO E A CORUÑA

A ESAD e a AGADIC promoven oito cursos para profesionais das artes escénicas

[22/05/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) patrocina unha nova edición do Plan de Formación Permanente da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) que, dirixido aos profesionais das artes escénicas, abordará diferentes ámbitos artísticos e técnicos do teatro e da danza a través dos oito cursos que se desenvolverán entre os meses de maio e outubro en Santiago, Ribadavia, Vigo e A Coruña.

Cun profesorado composto por destacados nomes da escena a nivel nacional e internacional, o programa dá comezo o vindeiro martes día 26 co curso de manipulación de monicreques que Miguel Oyarzún e Carlos Piñero, da compañía arxentina El Chonchón, impartirán até finais de mes en Arteria Noroeste, sede compostelá da SGAE. En Santiago celebraranse, así mesmo, outros tres obradoiros: "Caracterización e indumentaria" cos profesores da ESAD Alejandra Montemayor Suárez e Toni Martín Domenech (do 15 ao 26 de xuño); "Verso" con Ernesto Arias, do Teatro de La Abadía de Madrid (do 1 ao 4 de setembro), e "Dicción galega" con Elisa Fernández Rei, profesora da Universidade de Santiago, e Roberto Pascual, profesor da ESAD e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (do 21 de setembro ao 2 de outubro). Os tres cursos terán lugar na Sala Roberto Vidal Bolaño da Universidade de Santiago en horario de tarde.

Incorporación de Ribadavia

Ribadavia incorpórase este ano ao programa como sede dun curso de interpretación a cargo do actor británico Will Keen, que se desenvolverá na Casa da Cultura do 20 ao 24 de xullo coincidindo coa celebración da Mostra Internacional de Teatro.

Pola súa banda, a sede da Escola Superior de Arte Dramática en Vigo acollerá outros dous obradoiros: "Dirección de actores", impartido por Andrés Lima, director, actor e autor habitual da compañía Animalario, e "Dramaturxia do silencio, dramaturxia para a danza", polo mestre italiano Roberto Fratini, profesor na Universidade de Pisa e no Conservatorio Superior de Danza de Barcelona.

Na Coruña, a danza será tamén o obxecto do curso que Ion Garrika, profesor da Escola Profesional de Danza de Valladolid, ofrecerá na sede do Centro Coreográfico Galego do 7 ao 11 de setembro baixo o título "Composición coreográfica".

Prazas limitadas

Nuria Montero Gullón e Roberto Pascual coordinan esta nova edición do Plan de Formación Permanente da ESAD, que oferta un número limitado de prazas para cada un dos oito cursos programados. O prezo de matrícula de cada obradoiro é de 50 €.

O prazo de recepción de solicitudes pecharase 15 días antes do inicio do encontro correspondente e a selección dos participantes realizarase atendendo ao seu currículo profesional ou aos criterios especificados polos docentes.

Ligazóns