Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO, DIRIXIDO POR MARCOS BARBOSA E INTERPRETADO EN PORTUGUÉS, PODERÁ VERSE EN SANTIAGO O SÁBADO 23 ÁS 21.00 HORAS E O DOMINGO 24 ÁS 18.00

Teatro Oficina en coprodución co CDG estrea no Salón Teatro "Delimvois", a partir dun texto de Rubén Ruibal

[20/05/2009] O Salón Teatro acolle esta fin de semana (sábado 23 ás 21.00 horas e domingo 24 ás 18.00) a estrea de Delimvois, un espectáculo a cargo do grupo portugués Teatro Oficina en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), realizado a partir do texto escrito ad hoc polo Premio Nacional de Literatura Dramática Rubén Ruibal. Baixo a dirección de Marcos Barbosa, responsable artístico de Teatro Oficina, este espectáculo en portugués e dirixido a maiores de 12 anos conta coa interpretación de Diana Sá, Emílio Gomes e Ivo Santos.

Delimvois

No marco do seu plan de coproducións 2009, o CDG achega a esta proposta da compañía de Guimarães tanto a autoría galega do texto como o deseño da iluminación, que asina o tamén galego Afonso Castro. Completan o equipo artístico Fernando Ribeiro a cargo do deseño da escenografía e Susana Abreu, dos figurinos. Ademais, o propio Barbosa realizou a tradución ao portugués da obra de Rubén Ruibal.

Gran parte da acción de Delimvois transcorre no interior dunha furna de metacrilato que ocupa o centro do escenario. Concibida como unha especie de rateira, trátase dun laboratorio no que están pechados os dous homes protagonistas que forman parte do experimento dunha muller científica.

Aforo limitado

A montaxe prescinde do patio de butacas, de xeito que o público ocupa as cadeiras e tarimas situadas no mesmo escenario, cunha capacidade para 70 persoas. Desde esta estrutura que forma un cadrado arredor do espazo onde se desenvolve a acción, os espectadores asisten ao espectáculo desde unha perspectiva á que non están afeitos, cunha proximidade máxima respecto aos intérpretes e á acción escénica.

Delimvois conta a fuxida eterna de Francisco, António e Maria, seres que acreditan que son libres fóra do tempo e dispostos a inventar un mundo novo. Delimvois representa a muralla científica que protexe e rodea unha das cidades do Estado Único, nome e idea extraída dun texto de Jacobo Paz baseado en "Nós", de Yevgueni Zamiatin. Trátase dun lugar fronteirizo afastado e negado polas leis dos homes, un deses lugares case sempre abandonados ou baleiros onde se dividen aspectos esenciais dos conflitos humanos: territorio, raza, xerarquía, relixión, xénero…

A montaxe pretende explorar os límites mentais, os marcos ideolóxicos, as fronteiras de palabras e pensamento nas que dous homes coa memoria apagada e os sentidos recuperados e unha aparente muller -científica eminente que experimenta con eles- descobren a súa carne, a súa identidade e mesmo a súa ledicia. A trama da obra sitúase, pois, entre o místico e o táctil, entre o relixioso e o cabal, entre o político e o anecdótico, entre o amor e o odio.

Venda de entradas

As localidades para a función do domingo 24 están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, ao prezo de 5 euros por ser día do espectador, desde dúas horas antes do comezo da representación. Para a función de estrea do sábado, a entrada é por convite.

Trala exhibición en Santiago de Delimvois, que será representada a continuación no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães (Portugal) o 6 de xuño, o CDG completará o seu plan de coproducións 2009 coa estrea de Wake Up de Nut Teatro os vindeiros días 6 e 7 de xuño no Teatro Carlos Alberto do Porto como parte do cartel do FITEI (Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica). Ademais, neste programa de coproducións insírense tamén outras dúas propostas xa estreadas: Rúa Aire de O Retrete de Dorian Gray e Eco de Iván Marcos.

Documentación