Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O VINDEIRO 8 DE MAIO ÁS 13.00 HORAS NA FÁBRICA DE OLEIROS

Ensaio aberto de Ovay da compañía Quique Peón

[05/05/2009] O venres 8 de maio ás 13.00 horas terá lugar na Fábrica de Oleiros un ensaio aberto de Ovay, montaxe da Cía. Quique Peón en coprodución co Centro Coreográfico Galego . Se queres asistir a esta actividade debes solicitalo a través do enderezo electrónico: documentacion.ccg@xunta.es indicando o teu nome e número de teléfono

A peza

Ovay toma como referencia os catro puntos cardinais para ir na procura do cerne da existencia, explorándoos e experimentándoos para amosar os sentimentos implícitos en cada un deles. A música - que conxuga instrumentos tradicionais e novas tecnoloxías- xoga un papel fundamental, adaptando a súa intensidade e significación segundo o requira a parte coreográfica e dramática. A peza está dirixida e interpretada por Quique Peón, que asina tamén a coreografía xunto a Erick Jiménez. Roberto Magro na dramaturxia, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario e Xosé Lois Romero na dirección musical (encargado tamén da música en directo xunto a Suso Vaamonde) conforman o equipo artístico de Ovay.

Un creador vinculado á danza tradicional galega

Quique Peón centra a súa actividade profesional no ámbito da investigación etnográfica de Galicia, prestando especial atención á música e á danza tradicional. Froito deste traballo son os centos de melodías e danzas que ten recuperado na súa longa traxectoria como bailarín e profesor de baile e música tradicional galega en agrupacións como Xacarandaina, que dirixe dende o ano 1981 e coa que acadou importantes galardóns nacionais e internacionais.

No ano 2007 entra en contacto co mundo da danza contemporánea como asistente coreográfico de Mercé de Rande no proxecto A Arándara, apoiado polo CCG a través do programa Artistas en Residencia, e como intérprete na produción do CCG dirixida por Roberto Oliván Kiosco das almas perdidas. Na actualidade Quique Peón compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no eido tradicional coas súas inquedanzas creativas no ámbito da danza contemporánea.