Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESGOTAMENTO DA DANZA DE ANDRÉ LEPECKI

Presentación en Lisboa do primeiro número da colección Corpo de Letra

[30/04/2009] Este sábado 2 de maio ás 17.30 h, dentro do programa de Rede Dança 09, presentarase no Jardim de Inverno do Teatro S. Luiz de Lisboa o primeiro número da colección Corpo de Letra, O esgotamento da danza: letra e pensamento de André Lepecki. Na presentación intervirán o autor da obra, a xornalista portuguesa especializada en danza Claudia Galhós e a directora do Centro Coreográfico Galego Natalia Balseiro. A presentación do libro terá lugar despois da exposición pública dos resultados deste encontro entre profesionais do mundo da danza e outras artes do movemento.

A colección Corpo de Letra é unha iniciativa de tres dos espazos máis activos no apoio, visibilización e acompañamento da danza contemporánea en España: o Mercat de les Flors de Barcelona, a Aula de Danza da Universidade de Alcalá e o Centro Coreográfico Galego. Esta colección xorde da necesidade de dotar á danza de obras de referencia, un ámbito que en España conta cun escaso acompañamento teórico.

Profesor do Performance Studies Departament da Univesidade de Nova York, Lepecki ofrece neste primeiro título -que será presentado mañá en Madrid na súa versión en castelán- unha revisión significativa e radical das nosas formas de pensar a danza, ao tempo que propón a necesidade dun compromiso renovado entre os estudos de danza e as prácticas artísticas e filosóficas experimentais.

Este traballo afonda, asemade, no estudo da obra de coreógrafos contemporáneos claves na transformación da danza dende os anos noventa ata a actualidade, tanto en Europa como en Estados Unidos: Jérôme Bel, Juan Domínguez, Trisha Brown, La Ribor, Xavier Le Roy, Vera Mantero, e os artistas Bruce Nauman e William Pope.