Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CENTRO CULTURAL CAIXANOVA ACOLLE O MÉRCORES 29 E O XOVES 30 ESTA COMEDIA ONÍRICA AMBIENTADA MARIÑA LUGUESA

O Centro Dramático Galego ofrece dúas funcións do espectáculo "As dunas" esta semana en Vigo

[27/04/2009] O CDG presenta esta semana no Centro Cultural Caixanova de Vigo dúas funcións (mércores día 29 e xoves 30 ás 20.30 horas) de As dunas, espectáculo resultante da obra escrita ad hoc por Manuel Lourenzo con dirección escénica de Quico Cadaval. Autor e director suman os seus talentos creativos nesta nova produción da compañía pública á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido". Trátase dunha comedia cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.

As dunas

Proposto polo propio Manuel Lourenzo (Premio Nacional da Cultura Galega 2008 na categoría de Artes Escénicas) para levar ás táboas o seu texto, Quico Cadaval recunca no CDG con As dunas tralo éxito acadado a pasada temporada con Noite de Reis. Nesta ocasión, o polifacético director ideou unha montaxe de teatro, danza e música, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos Mosquera "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.

Estética de fotonovela

A estética do espectáculo inspírase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

A acción transcorre na Mariña luguesa, nunha nave industrial en desuso onde son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa "As dunas", un moderno balneario musical que terá como destinatarios a "amantes de praceres prolongados" e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por "todo tipo de refinados praceres do corpo".

Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.

Espectáculo promocional

As localidades para as funcións no Centro Cultural Caixanova poranse á venda ao prezo de 10,50 € (1º anfiteatro); 8,60 € e 9,50 € (2º anfiteatro); 7,70 € e 8,50 € (3º anfiteatro); 12, 50 € (anfiteatro central) e 12,50 € (patio de butacas) os días das funcións de 11.00 a 14.00 h e a partir das 18.00 h. Ademais, e co obxectivo de promocionar esta produción no marco de "Espazos CDG", programa do que forma parte o centro vigués, o CDG realiza conxuntamente coa compañía galega Pistacatro un espectáculo promocional que se desenvolverá mañá martes 28 ás 13.30 h no comedor da Facultade de Ciencias Empresariais do Campus Universitario. Trátase dunha acción escénica na que se mestura novo circo, ritmo, música e humor para comunicar aos viandantes que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente.

Despois das funcións de Vigo, o espectáculo viaxará a Tui (Teatro Área Panorámica, 8 e 9 de maio), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 14 e 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 22 e 23 de maio), Narón (Pazo da Cultura, 29 e 30 de maio), Ribadeo (Auditorio Municipal, 7 de xuño) e Ferrol (Teatro Jofre, 13 de xuño).

Documentación