Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA PRESENTARASE NO TEATRO AL HUSSEIN DE AMANN ÁS 19.30 H

O Centro Coreográfico Galego leva a Xordania Giseliña de Cisco Aznar

[27/04/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) presenta hoxe ás 19.30 horas Giseliña no Teatro Al Hussein de Amann (Xordania). Esta función está dentro da programación do prestixioso festival de danza Zakharef in Motion, no que participan compañías de gran relevancia internacional como Sidi Larbi Sherkaoui & Damien Jalet de Bélxica ou City Dance Ensemble de Washington.

Giseliña é a terceira produción do CCG. Despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, a peza que protagoniza a temporada 2009 toma como referencia o ballet clásico Giselle, baixo a mirada orixinal e sorprendente de Cisco Aznar. Este catalán asentado en Suiza ten unha estética moi particular, excesiva, grotesca e en ocasións mesmo deforme que nos evoca as grandes obras do expresionismo alemán. Giseliña é unha versión totalmente contemporánea, que rompe cos códigos do ballet clásico, e na que se mesturan co movemento outras linguaxes artísticas como a vídeocreación, o cine ou as artes plásticas. O resultado é unha montaxe conmovedora que reta ao espectador, esixíndolle atención e transportándoo a un mundo cheo de fantasía e referencias artísticas e cinematográficas. Os ideais románticos e a loita entre o amor e a morte están presentes en Giseliña, unha peza de marcado carácter poético e complexidade creativa.

Amor e morte

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, un mundo cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.

Para a súa execución, Giseliña conta con un corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias, escollido a través de varias audicións públicas, e que compoñen Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

O director

Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.

Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.

Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.