Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A OBRA, QUE SE PRESENTA COMO "UNHA COMEDIA AMERICANA SOBRE A ANSIEDADE" PODERÁ VERSE EN SANTIAGO DURANTE DÚAS SEMANAS CONSECUTIVAS DE XOVES A DOMINGO

Teatro do Morcego conmemora no Salón Teatro os seus 20 anos de traxectoria con oito funcións de "Kvetch"

[22/04/2009] Teatro de Morcego conmemora no Salón Teatro de Santiago os seus 20 anos de traxectoria artística ofrecendo oito representacións de Kvetch: O Rosmón, o último espectáculo da compañía que tutela Celso Parada, no que se aborda un texto de Steven Berkoff baixo a dirección escénica de Álvaro Lavín e en coprodución con Seiva-Trupe de Porto. As representacións terán lugar os días 23, 24, 25, 26 e 30 de abril e 1, 2 e 3 de maio (xoves, venres e sábados ás 20.30 h e os domingos, ás 18.00 h) como parte da programación de primavera do escenario compostelán que xestiona o CDG.

Kvetch

Lavín, actor de Teatro Meridional -compañía actualmente radicada en Madrid- que debuta como director en Galicia, conta coa interpretación de grandes nomes da escena do país, como o son o propio Celso Parada, Dorotea Bárcena, Mónica Camaño, Miguel Pernas e Mundo Villalustre. Con eles compón un espectáculo que se presenta como impúdico, xubiloso, devastador e feroz sobre os medos, frustracións e estrés diarios de toda caste baixo o subtítulo de "comedia americana sobre a ansiedade". Outros creadores importantes para a materialización da montaxe foron Carlos Alonso, responsable da escenografía e do vestiario; Octavio Mas, no deseño de iluminación; e Anxo Graña, na música.

"Vivimos todos baixo a ameaza da bomba, do cancro, dos axentes canceríxenos, da enfermidade, do paro, da impotencia, do medo ao medo, dos negros, dos brancos, da policía, dos impostos, da declaración da renda, de quedarmos calvos, de engordar, de poñernos feos, de ser parvos, de non ser enxeñosos, de ser tímidos, de preocuparmos por aprender a tocar o piano, do medo ao fracaso, de non causar boa impresión, medo á forza dos demais, a non ter xubilación, á vellez, á morte, á guerra... Esta é unha obra dedicada a todos os que teñen medo". Con estas palabras, o dramaturgo e actor británico Steven Berkoff arrinca a primeira páxina do libro Kvetch (palabra de orixe yiddish: neura, agobio, angustia), punto de partida tamén para a montaxe.

O espectáculo ocupa o Salón Teatro como primeiro destino trala súa estrea a pasada fin de semana en Narón. As entradas están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes dende dúas horas antes do comezo da actuación. O prezo das localidades é de 10 euros de xoves a sábados (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para os domingos, día do espectador.

Vinte anos de Morcego

Fundada en Cangas (Pontevedra) en 1989 polo actor e director Celso Parada e máis por Isabel Ávila, a compañía Teatro do Morcego mantén a súa actividade ininterrompida desde entón. Ten recibido importantes premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman ou os María Casares por Lazariño de Tormes, ademais de ser finalista en varias edicións dos devanditos galardóns.

Entre as producións que levou a cabo nestes anos destacan O burgués fidalgo, de Molière; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; A gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, ou recentemente O club da calceta, de María Reimóndez, entre outras moitas.

Na compañía traballaron e traballan importantes actores galegos como Maxo Barjas, Luísa Merelas, Santi Prego, X. Estévez, X. Carlos Mosquera "Mos", Carlos Blanco, Paco Campos, Miguel Varela, Mundo Villalustre, Gonzalo Uriarte, E. R. Cunha "Tatán", Pepa Barreiro, Casilda García, Sonia Rúa, Salvador del Río, etc.