AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O PROGRAMA CONSTA DUNHA DUCIA DE PEZAS, PARTE DELAS INCLUÍDAS NOS DISCOS "POR IR AO BAILE" E "ALBA DE ABRIL"

O Grupo de Música Tradicional prepara o seu novo repertorio con temas tradicionais e composicións propias

[25/08/2006] O Grupo de Música Tradicional do IGAEM está a traballar no repertorio que ofrecerá na súa vindeira temporada de concertos, no que se recollen tanto temas populares e tradicionais galegos, arranxados polos integrantes do conxunto, como adaptacións e composicións de nova creación incluídas nos seus traballos discográficos Por ir ao baile (2004) e Alba de abril (2001).

Portada do disco "Por ir ao baile"

Así, o Grupo recupera varias pezas tradicionais, como o popular Alalá da montaña, especialmente arranxado co obxectivo de respectar e transmitir o carácter "ad libitum" propio do orixinal, e a Xota de Louredo, recollida pola Agrupación Xuvenil Xacarandaina da Coruña no lugar de Santo Adrián de Cobres, na provincia de Pontevedra, e interpretada con gaitas e percusión tradicional. Prepara tamén unha versión de Villoria, de Ricardo Courtier, arranxada por Xosé Lois Romero. Esta peza centenaria formaba parte do repertorio habitual do cuarteto Os Trinta de Trives, grupo do que Courtier foi o seu compositor e responsable dos arranxos e que destacou pola súa singular formación de gaita, requinto, caixa e bombo.

O programa inclúe, ademais, a súa orixinal revisión da Alborada galega, de Pascual Veiga, as Muiñeiras de Xinzo e de Florencio –a primeira delas tradicional de Xinzo (Moaña) e a segunda recollida do amplo repertorio de melodías do músico ambulante Florencio, máis coñecido como "O cego dos Vilares"–, a Danza de patelas e a Muiñeira dos Areeiras, esta última popularizada polo grupo Os Areeiras de Catoira. Todos estes temas foron gravados polo Grupo de Música Tradicional do IGAEM para Alba de abril.

O resto das pezas que presentarán en directo na nova temporada atópanse en Por ir ao baile, o seu último traballo editado até o momento: A Ramallosa (popular), Rumba do Pombal (Xoán Carlos Rilo) e Muiñeira de San Martiño de Ozón (tradicional), Rumba de Juanito do Carballal (tema arranxado por Xosé Lois Romero a partir dunha peza do Courel que interpretaba o xa desaparecido grupo Violia), Sísamo (recreación contemporánea de Xosé Lois Romero sobre o Pasodobre de Sísamo, recollido nesta aldea de Carballo), Foliada en Cecebre (Xoán Carlos Rilo) e Maneo de Malpica (arranxo de Xosé Lois Romero a partir da melodía dun dos numerosos maneos da comarca de Bergantiños).

QUINCE ANOS SOBRE OS ESCENARIOS

Con 15 anos de traxectoria, a proposta musical do Grupo de Música Tradicional do IGAEM foi evolucionando cara a un son máis contemporáneo ao tempo que se incorporaron novos instrumentos –zanfona, violíns, frauta, acordeón, clarinete e percusión tradicional, entre outros– á formación inicial de gaitas, tamboril e bombo. Na actualidade, o Grupo é quen de amosar un amplo e variado catálogo de sonoridades que conforman o repertorio popular galego actual: dende as interpretacións etnográficas máis fieis até novas composicións ou adaptacións de vellas melodías que incorporan elementos actuais. Neste sentido, os seus integrantes compaxinan a preparación e execución dos seus concertos cun importante labor de investigación no eido da música tradicional galega.

O Grupo ten ofrecido numerosos concertos por toda Galicia, así como fóra dela, actuando en distintos escenarios de Andalucía, Baleares, Euscadi, Madrid, Alemaña, Arxentina, Bélxica, Portugal, Palestina ou Uruguai, entre outros destinos.