Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CONSTA DE 9 SESIÓNS PARA ESCOLARES E UNHA PARA PÚBLICO XERAL

O CCG organiza un taller de videodanza a cargo de Núria Font na Fundación Luís Seoane para celebrar o Día Internacional da Danza

[21/04/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza, coa colaboración da Fundación Luís Seoane, un taller de interpretación de videodanza a cargo da creadora catalá Núria Font, que se desenvolve a partir de hoxe na sede da devandita Fundación na Coruña. A iniciativa consta dun total de 10 sesións, 9 delas especialmente dirixidas a alumnos de centros de ensino e unha destinada a público xeral. Esta última terá lugar o xoves 23 de abril ás 18.00 h, en tanto que as xornadas escolares rematan o día 24.

Con esta actividade o Centro Coreográfico Galego quere achegar a danza a todos os seus públicos potenciais, fomentando o coñecemento das artes multidisciplinares e a comprensión da linguaxe visual e xestual. Empréganse linguaxes como a música, a plástica, o debuxo, o baile ou a expresión corporal para aumentar a capacidade de observación dos espectadores. As sesións combinan estrutúranse en dúas partes, unha primeira de visionado e outra de comentario dos vídeos.

Núria Font creou en 2005 a asociación barcelonesa NU2’s. Esta entidade xestiona o proxecto Imatge, Dansa i Nous Mitjans, un programa que ten como obxectivo manter e mellorar a axuda á produción, difusión internacional e creación de espazos de investigación e debate para a programación de obras de vídeodanza, exposicións e performances.

Font é realizadora de vídeo e organizadora de actividades culturais relacionadas coa videodanza e as artes electrónicas por todo o mundo. Ten colaborado con compañías como Gelabert-Azzopardi, Mal Pelo ou Mudances. Creou, xunto a Ángels Margarit, as obras de videodanza Subur 305 , Peix , Ritual Geografic , Cos recordat e Estances, é coautora con Cesc Gelabert da instalación Akeronte ; e con María Muñoz do documental L’animal a l’Esquena . No ámbito da arte e os novos medios dirixe, dende 1984, a Mostra de VideoDansa, bienal dedicada ás imaxes de danza, asi como un gran número de programas de videodanza en museos e centros de arte internacionais. Dirixiu l’Espai Vídeo no Centre d’Art Santa Mónica e as bienais d’Art Electròniques e Vídeo de Creación. Actualmente dirixe o VAD, Festival Internacional de Vídeo e Arts Digitals de Girona. É mestra do Máster de Comissariat d’art i Nous Mitjans d’ESDI/MECAT, profesora titular Novas Tecnoloxías aplicadas á danza do Institut del Teatre de Barcelona.