Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PISTACATRO DESENVOLVERÁ UN PASARRÚAS PROMOCIONAL SOBRE O ESPECTÁCULO QUE DIRIXE QUICO CADAVAL A PARTIR DO TEXTO DE MANUEL LOURENZO

"As dunas" represéntase o 17 de abril no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras

[14/04/2009] O Centro Dramático Galego (CDG) presenta este venres día 17 ás 21.00 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco As dunas, espectáculo resultante da obra escrita ad hoc por Manuel Lourenzo con dirección escénica de Quico Cadaval. Autor e director suman os seus talentos creativos nesta nova produción da compañía pública á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido". Trátase dunha comedia cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.

Imaxe de "As dunas"

Proposto polo propio Manuel Lourenzo (Premio Nacional da Cultura Galega 2008 na categoría de Artes Escénicas) para levar ás táboas o seu texto, Quico Cadaval recunca no CDG con As dunas tralo éxito acadado a pasada temporada con Noite de Reis . Nesta ocasión, o polifacético director ideou unha montaxe de teatro, danza e música en directo, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos Mosquera "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.

Estética de fotonovela

A estética do espectáculo inspírase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

A acción transcorre na Mariña luguesa, nunha nave industrial en desuso onde son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa "As dunas", un moderno balneario musical que terá como destinatarios a "amantes de praceres prolongados" e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por "todo tipo de refinados praceres do corpo".

Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.

Pasarrúas promocional

As localidades para a funcións no Teatro Lauro Olmo poranse á venda ao prezo de 5 e 3 euros, o mesmo venres 17 desde unha hora antes do comezo da representación. Ademais, e co obxectivo de promocionar esta produción no marco de "Espazos CDG", programa do que forma parte o teatro valdeorrés, o CDG realiza conxuntamente coa compañía galega Pistacatro un pasarrúas que se desenvolverá diante do concello o xoves 16 a partie das 12.00 horas. Trátase dunha acción escénica na que se mestura novo circo, ritmo, música e humor para comunicar aos viandantes que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente.

Despois da función no Barco, o espectáculo viaxará á Coruña (Teatro Rosalía, 24 e 25 de abril), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 29 e 30 de abril), Tui (Teatro Área Panorámica, 8 e 9 de maio), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 14 e 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 22 e 23 de maio), Narón (Pazo da Cultura, 29 e 30 de maio), Ribadeo (Auditorio Municipal, 7 de xuño) e Ferrol (Teatro Jofre, 13 de xuño).

Documentación